Site icon Crónica3.com A Mariña

Medio Rural achego preto de 600.000 euros para modernizar a maquinaria que utilizan en réxime asociativo explotacións da provincia

Lugo, 30 de xaneiro de 2014.- A Consellería do Medio Rural e do Mar achegou preto de 600.000 euros a cooperativas e agrupacións agrarias da provincia para a modernización da maquinaria que utilizan en réxime asociativo, segundo informou este xoves a delegada territorial, Raquel Arias.

A delegada comunicou que está aberta unha nova convocatoria destas axudas, á que poden optar cooperativas agrarias, Sociedades Agrarias de Transformación (SAT) e outras comunidades e agrupacións agropecuarias.

Arias explicou que no pasado exercicio foron beneficiadas 11 sociedades na provincia de Lugo, cun importe medio por explotación superior aos 53.500 euros, ata sumar un total de 589.510 euros. A provincia recibiu preto do 32% do importe desta liña de axudas para toda Galicia.

A porcentaxe máxima da subvención será do 40% do importe do gasto xustificable, que pode chegar ao 50% no caso de zonas desfavorecidas ou de montaña, ata un máximo de axuda de 100.000 euros (as bases poden consultarse no Diario Oficial de Galicia do pasado día 24 de xaneiro).

A delegada subliñou que se trata dunha achega importante “atendendo ao elevado investimento que require a modernización das explotacións agrarias e aos beneficios que reporta a Galicia ter un sector primario moderno, forte e competitivo”. Neste sentido, destacou que “resulta fundamental actuar na introdución das novas tecnoloxías e na ampliación das unidades de explotación no medio rural, ben reorganizando a propiedade ou ben a través da unión dos titulares en sociedades comúns”.

Esta liña de axudas, engadiu, “apoia ambos obxectivos; introduce maquinaria moderna, minimiza os custos das explotacións, mellora as condicións de traballo, incrementa a seguridade laboral e reduce as emisións contaminantes”.

En suma, sinalou, “trátase de mellorar a calidade de vida no medio rural, facilitando ferramentas de traballo e métodos de organización que fagan máis atractiva a actividade agraria para a mocidade, xa que o reto para a nosa provincia é fixar poboación nos pobos e aldeas”.

Exit mobile version