Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Burela destaca o papel dos emigrantes galegos no ensino de comezos do século XX na inauguración dunha exposición

Burela, 31 de xaneiro de 2014. O alcalde, José Mª González Barcia, asistiu este venres á inauguración da exposición Luces de alén mar, as escolas de americanos en Galicia, que vai estar durante os próximos días na Casa da Cultura de Burela. A mostra está organizada polo IES Perdouro e a asociación cultural Os Matos e tamén participan de forma activa, aparte do Concello de Burela, a Xunta de Galicia, o Consello da Cultura Galega e o Arquivo da Emigración Galega.

No acto de inauguración estiveron membros do Consello da Cultura Galega, en concreto Emilia García, que é unha historiadora de Burela que está na Universidade de Santiago de Compostela, e tamén Santiago Pérez Docobo, que é o director do IES Perdouro.

Na súa intervención o rexedor salientou “o papel destacado que os emigrantes galegos tiveron no mundo do ensino durante as primeiras décadas do século pasado, porque foron eles precisamente, coas súas remesas de cartos dende os seus países de destino (Cuba, México, etcétera) os que permitiron aquí construír escolas e dotar de diñeiro ás prazas de mestres para atender eses centros educativos. Polo tanto moitos rapaces e rapazas daquelas primeiras décadas do século XX tiveron acceso á cultura e ao mundo da educación grazas a esas remesas de cartos que viñan de América para Galicia. Polo tanto eu creo que é de destacar e de agradecer o papel e a relevancia que a emigración tivo, a pesares doutras circunstancias non moi positivas, para favorecer a educación aquí, en Galicia”.

José Mª González Barcia felicitou ao IES Perdouro pola iniciativa, “que é sumamente enriquecedora e que permite achegarnos a unha época practicamente descoñecida, fundamentalmente para a poboación infantil, pero tamén para moitos adultos”.

E engadiu que “tamén hai que felicitar ao IES Perdouro porque neste ano, no mes de outubro, cumpre 35 cursos académicos de actividade. Polas súas aulas teñen pasado moitos estudantes de aquí, de Burela, moitos vidos doutros concellos, moitos profesionais do mundo do ensino e hai un traballo feito durante anos que efectivamente está aí. Foi o primeiro instituto que se fixo en Burela, iso tamén convén telo en conta, e permitiu que os rapaces daquela época, do ano 78-79, deixaran de ir estudar fóra e puideran facer os seus estudos medios aquí, en Burela, co que iso supoñía de aforro económico para as súas familias, pero fundamentalmente de ampliación da poboación que tiña acceso a este tipo de ensino”.

O alcalde lembrou que “antes ao mellor os rapaces deixaban de estudar porque había que desprazarse fóra e non había medios suficientes, pero a posta en marcha do primeiro instituto aquí, en Burela, o IES Perdouro, en outubro do ano 1979, favoreceu de forma definitiva que os xoves daquela época puideran acceder á educación e á cultura. Despois viría tamén o IES Monte Castelo e iso permite que agora os rapaces de Burela e da comarca non teñan que desprazarse a outros centros para cursar os estudos que eles estimen oportunos nun centro como é o IES Perdouro, que se caracteriza fundamentalmente polo seu traballo a de metal e pola súa innovación en materia de cursos de Formación Profesional de perruquería, por exemplo”.

Exit mobile version