Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Foz iniciou as reunións cos hostaleiros das rúas próximas á praia da Rapadoira para unificar as terrazas que se colocarán na zona

Foz, 29 de xaneiro de 2014. O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, mantivo este martes a primeira toma de contacto con hostaleiros das rúas próximas á praia da Rapadoira para unificar a instalación de terrazas nesa zona, baixo a ordenanza aprobada en maio do ano pasado. O obxectivo é facer o mesmo que na praza Conde de Fontao, onde a experiencia foi moi positiva para dinamizar ese espazo. O rexedor saíu contento da xuntanza de onte porque os hostaleiros foron moi receptivos e confía en que as novas instalacións estean xa listas para a vindeira Semana Santa.

Javier Castiñeira explicou que o encontro foi con hostaleiros das rúas Illa Nova, Mariñeiro Chila e Rego de Foz, “onde se fixo o pasado verán unha actuación importante para humanizar aquela zona e aumentar o espazo destinado a terrazas”. Destacou que é un lugar “moi activo en canto a hostalería, sobre todo no verán, por estar moi ben localizado, xunto á praia da Rapadoira” e comentou que “esas áreas que quedaron habilitadas con bolardos para poder poñer terrazas deben instalarse todas co mesmo criterio, baixo a ordenanza que foi aprobada en maio do ano pasado. Estamos intentando poñelos a todos de acordo e coordinalos para facer un estilo unificado”.

O alcalde focense lembrou que “houbo un plan piloto moi interesante na zona do porto, que saíu moi ben e serviunos, aparte de para reorganizar o tráfico, tamén para facer a zona moito máis atractiva para a hostalería e o comercio. Na zona de Illa Nova queremos facer exactamente o mesmo: a primeira parte da obra está feita, que é a reorganización do tráfico que tamén funcionou moi ben, e agora o que queremos é anticiparnos antes da campaña de Semana e do verán para que todos os hostaleiros tomen tamén un mesmo criterio estético e funcional para converter esa zona, que ten un potencial enorme na hostalería e con moita xente residindo alí, nun lugar importante con boas terrazas e con zonas para transitar comodamente”.

Castiñeira engadiu que “estamos iniciando as reunións, que van ser continuas, e esperamos que isto remate en converter esa zona nun lugar activo cunhas terrazas cun único criterio estético, tratando de buscar que siga tendo a mesma actividade ou aínda moita máis. Quedamos moi contentos da reunión de onte porque foron moi receptivos os propios hostaleiros e acordamos facer unha seguinte xa para ir aclarando temas e tratar de avanzar antes de que chegue a Semana Santa, para ter as instalacións completas xa para a temporada alta de Foz, que empeza na Semana Santa e vai ata finais de setembro”.

Exit mobile version