Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG apoia a concentración convocada por SOS Sanidade Pública e Iniciativa Galega pola Gratuidade e Universalidade da Sanidade Pública

A Mariña, 25 de xaneiro de 2014. O BNG da Mariña apoiará o vindeiro luns a concentración convocada ás 20:30 no Hospital da Costa para reclamar a non aplicación en Galiza do copagamento de menciñas de dispensación hospitalaria convocada por SOS Sanidade Pública e a Inciativa Galega pola Gratuidade e Universalidade da Sanidade Pública. Acusan a Feijoo de ser a vangarda na aplicación das políticas regresivas e privatizadoras da sanidade pública “incluso contradicindo a outras comunidades gobernadas polo Partido Popular que non aplicarán este novo imposto”

Para o BNG estamos diante do traspaso dunha liña vermella onde a sanidade deixa de ser pública, universal e gratuíta, discrimina a usuarios/as do sistema en función dos seus recursos, grava aínda mais a doentes crónicos e racha coa equidade do sistema. E un feito, engaden, que esta medida non vai supor ningún aforro xa que mesmo a súa posta en funcionamento resulta mais cara que os ingreso que se van producir coas achegas dos usuarios, polo que estamos diante dunha medida ideolóxica allea a unha mellora na xestión.

O presidente da Xunta e o PPdeG aplican esta medida en Galiza para situar ao Sr. Feijoo como vangarda na execución das medidas regresivas e privatizadoras da sanidade pública impulsadas polo Partido Popular. O copago que o PP lle quere aplicar ás persoas con doenzas crónicas e enfermidades graves é inxusto e inmoral xa que ademais de soportar as súas doenzas vanse ver sometidos a un imposto á enfermidade que nin sequera suporá ingresos relevantes para a administración, mais ben trátase dun imposto ideolóxico que ademais abre portas a ser ampliado a outros servizos e incrementado na súa contía.

A fronte nacionalista chamou á sociedade mariñá a rebelarse contra esta nova medida impositiva como xa están facendo moitos concellos galegos encabezados polo de Riotorto, cuxo alcalde Federico Gutiérrez Estoa foi o primeiro en plantar cara impulsando o pasado 10 de outubro a Iniciativa Galega Pola Gratuidade da Sanidade Pública co chamado “Espíritu Riotorto”. Neste sentido reclaman a participación na concentración do luns 27 ás 20:30 no Hospital da Costa.

Exit mobile version