Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG critica que “o PP de Barreiros dálle as costas ós autónomos negándose a posicionarse contra a suba das cotizacións”

Barreiros, 28 de xaneiro de 2014. O grupo municipal do BNG en Barreiros presentaba no pleno deste luns, pola vía da urxencia, unha moción na que se instaba á corporación municipal a posicionarse en contra da suba que o goberno central vén de decretar nas cotizacións á Seguridade Social para as persoas autónomas e pequenas empresas.

Para a formación nacionalista, “é fundamental que un concello coma o de Barreiros, cuxa economía está formada practicamente en exclusiva por persoas autónomas ou pequenas empresas, resposte coa contundencia oportuna a medidas discriminatorias como a que vén de adoptar o goberno central. As concelleiras e concelleiros somos os representantes das nosas veciñas e veciños que están vendo como o Partido Popular
lonxe de axudar ás pequenas empresas e persoas autónomas as asfixia con medidas impositivas mentres decreta amnistías fiscais para as grandes fortunas e, como representantes, temos a obriga de posicionarnos fronte ás medidas inxustas que non fan máis que afogar ás nosas veciñas e veciños.”

Por esta razón, para o BNG o mínimo que debería facer un concello coma o de Barreiros é “amosar o seu apoio a quen realmente está sustentando a economía e o emprego” e critican que o Alcalde, Alfonso Fuente, afirmara durante a súa defensa para non tratar a moción que esta medida se facía para evitar unha bolsa de fraude fiscal, tratando así como defraudadores a autónomos e pequenas empresas. Fronte a isto, desde
o BNG lembráronlle ao rexedor que “a maior bolsa de fraude fiscal non está nos sectores de persoas autónomas e pequenas empresa, senón nas grandes fortunas para as que o Partido Popular decreta amnistías fiscais.” Por esta razón, os nacionalistas demandaban na súa moción que se aprobaran “as reformas lexislativas necesarias de cara a promover unha reforma fiscal verdadeiramente progresiva, que grave ás grandes fortunas e grandes empresas, persiga a fraude fiscal e non incremente as cargas sobre as persoas autónomas e pequenas empresas.”

A modificación da ordenanza do SAF: unha nova suba para as persoas usuarias.
O BNG votou en contra da modificación proposta polo goberno municipal a respecto da ordenanza que regula o Servizo de Axuda no Fogar. Con esta nova modificación, que vén determinada por un Decreto da Xunta, o concello de Barreiros aplica un novo incremento no coste deste servizo para as persoas usuarias.

Para o BNG “non é de recibo que a falta de compromiso da Xunta de Galiza coa aportación que fai aos concellos para este servizo estea a conlevar continuos incrementos no seu prezo para as persoas usuarias.” Con esta modificación, as persoas poden chegar a costear ata un 90% do servizo cando o máximo anterior estaba no 65%. Ademais, redúcense os tramos das horas que se utilizan, polo que unha persoa que antes podía aportar por 30 horas, agora pasará a aportar polo tramo de menos ou igual a 45 horas –aínda que siga facendo uso do servizo 30 horas-, o que supón pasar (no caso dunha persoa cuns ingresos entre o 100% e o 115% do IPREM) dun 6,56% ao 9,61%. Os nacionalistas opuxéronse a esta nova suba no servizo de axuda no fogar, porque consideran que “a Xunta e o Partido Popular alí onde goberna, coa súa falta de políticas sociais, están condenando á maioría da sociedade a vivir en peores condicións en función da súa capacidade económica”.

Exit mobile version