Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Mariña culpa ó goberno de Feijóo de “destruír emprego e expulsar á emigración a milleiros de mozos e mozas incapaces de atopar traballo na súa propia terra”

A Mariña, 3 de xaneiro de 2014. O BNG da Mariña á vista dos datos de emprego feitos públicos este venres, acusou ao Partido Popular de ser un lastre para a creación de emprego na comarca e no conxunto da nación galega onde continúa a medrar o desemprego e a baixada de cotizantes á seguridade social. Para o BNG mariñao as cifras de desemprego na comarca deste mes demostran que, malia a emigración de centos de mozos e mozas fora da súa terra na busca de oportunidades de traballo, esta redución da demanda de emprego non impide o incremento constante do paro na comarca e polo tanto ningunha recuperación.

O BNG mariñao valorou como moi negativos os datos de emprego publicados este venres concluíndo que o goberno de Feijoo e o Partido Popular seguen exercendo de fabrica de parados e paradas e expulsando á emigración a milleiros de mozas e mozos na busca de oportunidades de traballo.

Para os nacionalistas estamos diante dun goberno incapaz de frear a sangría do desemprego na comarca, onde a cifra de demandantes aumenta en 29 persoas máis con respecto ao mes anterior que xa rexistrara un incremento con respecto a outubro de 184 demandantes mais, e isto sen ter en conta as 41 persoas que Cerámica de Sargadelos pretende botar á rúa.

O BNG describiu a situación da provincia como “factoría do desemprego” xa que suma 175 persoas desempregadas mais que no mes anterior co maior incremento porcentual das catro provincias galegas. Os nacionalistas insistiron en que estes datos reflicten unha realidade catastrófica xa que ao incremento de demandantes débese sumar a baixada en cotizantes ás seguridade social e a expulsión de milleiros de mozas e mozos á emigración nunha diáspora semellante á producida nas décadas dos anos 60 e 70 do século pasado.

Os nacionalista volveron reclamar un Plan de Emprego para a comarca mariñá que compense a constante sangría que se produce na Mariña co peche e redución de empregos en empresas de referencia na comarca. Os nacionalistas lembran a situación dos traballadores e traballadoras de Gres Burela, Construciones Mon, Ecar, Muebles Hermida e Sargadelos onde aínda están pendentes de contabilizar 41 persoas mais para lista negra do desemprego pero que xa son reais. Nesta liña esixiron ao goberno da Xunta “solucións e non campañas mediáticas” para botar balóns fora xa que a principal responsabilidade na promoción e creación de emprego recae sobre a propia Xunta, por iso demandamos unha vez mais un plano específico para a comarca e planos de acompañamento social para a os e as desempregados da comarca.

O BNG pide ao Partido Popular que rectifique na decisión de tombar no debate dos orzamentos da Xunta para 2014, a emenda presentada na que se demandaba a dotación con dous millóns de euros para un Plan de Emprego na Comarca, non pode ser que o goberno galego e o partido que o sustenta actúen como si os problemas non foran con eles desentendéndose da profunda crise económica na que está inmersa a nosa comarca.

Exit mobile version