Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Trabada preguntará no vindeiro Pleno “por qué non se lles está pagando o alumeado público aos veciños”

Os nacionalistas de Trabada preguntarán no vindeiro Pleno municipal o motivo polo que non se lles está pagando o alumeado público aos veciños e veciñas.

Así, sinalan que “en diferentes parroquias e barrios do noso concello unha gran parte das vivendas contan con alumeado público conectado ás casas particulares, facéndose cargo do custo que isto supón, o propietario. Ata o de agora, o
concello viña ingresando, anualmente, aos veciños, o custo que o subministro de electricidade para o mantemento do alumeado público conectado aos seus fogares, lles supuña; se ben os veciños que teñen este sistema non percibiron as últimas tres anualidades, correspondentes os anos 2011, 2012 e 2013”.

Numerosos veciños descontentos coa situación descrita estanse a por en contacto coa formación nacionalista para denunciar a súa situación nun intento de por fin á mesma, “unha situación cuxas nefastas consecuencias se agravan nestes tempos de crise na que cada euro conta para a economía familiar”, explican.

“O continuo e escalado encarecemento da electricidade nos últimos anos xunto co resto dos impostos municipais e dos servizos públicos máis básicos fai que algúns dos veciños se estea a prantexar, de seguir así a situación, cortar o abastecemento ao alumeado público dende os seus domicilios particulares”, advirten dende o BNG.

“Dende o BNG de Trabada pedímoslle, pois, ao señor alcalde que faga fronte a estes pagos de maneira inmediata debido ao agravio inxustificado e carente de toda lóxica que o situación descrita lle está a causar a unha boa parte da veciñanza”, consideran os nacionalistas.

Segundo o BNG de Trabada “cos datos que nos están a aportar algúns dos afectados, calculamos que nestes tres anos estánselles a deber un total de 35 euros por ano o cal supón 105 euros por vivenda, e contando que hai mais de 160 afectados pensamos que a débeda pode estar preto dos 20.000 euros”.

“Non estar a pagar este diñeiro é un acto de auténtica irresponsabilidade, xa que se está a crear una débeda cada vez máis grande. Ademais, estamos a falar dunha cantidade nada depreciable á que o Concello terá que facer fronte debido a capacidade de xestión do alcalde”, critican.

Dende o Bloque finalizan “pedíndolle tamén ao señor Yanes Ginzo que proceda a eliminar este sistema obsoleto de alumeado público de xeito tal que a totalidade dos puntos de luz estean conectados a contadores municipais para evitar que os nosos veciños teñan que adiantar o diñeiro do servizo; todo ilo agardando, por parte do mesmo, unha actuación tan inmediata e real como o agravio xerado aos veciños esixe, e non meras declaracións de vontade que, como de costume, se queden en papel mollado”.

Exit mobile version