Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG pide flexibilidade para que as persoas autónomas poidan acceder ao paro

A Mariña, 29 de xaneiro de 2014. O BNG reuniuse na tarde-noite deste mércores con persoas autónomas e pequenas empresas nun encontro que tivo lugar no Hotel Nordés, en Burela. Ao encontro asistiron representantes da Federación comarcal de ACIAs da Mariña e unha delegación da Executiva Comarcal nacionalista formada por Ana Ermida Igrexas, Responsábel Comarcal, Antonio Veiga Outeiro, Vicepresidente Primeiro da Deputación e Responsábel de Política Municipal da Executiva e o Vice-responsábel Comarcal, Xoán Antón Estúa García.

A formación nacionalista deu conta ante o sector dunha serie de iniciativas que foron presentadas no Congreso dos Deputados por medio da Deputada nacionalista, Olaia Fernández Davila, a respecto dos problemas que teñen as persoas autónomas e pequenas empresas. Desde o BNG pídenlle ao goberno do Estado que dea marcha atrás na suba das cotizacións ás persoas autónomas, xa que “o único que conseguen con estas medidas é afogar máis ao sector e impedir o crecemento económico que, a día de hoxe, ten un sustento fundamental no autoemprego e pequenas empresas.” A formación frontista tamén vén de solicitar do Ministerio que se facilite o acceso destas persoas ao paro cando teñen que pechar os seus negocios, xa que “a realidade é que, na práctica, o 80% das persoas que o solicitan ven como llelo denegan a pesares de ter cotizado por este concepto”, explican desde o BNG. Nesa mesma institución, dirixida ao Goberno do Estado, os nacionalistas solicitan que “se faciliten os trámites ante Facenda, tendo en conta que a desaparición dos modelos en papel e a obriga da súa presentación telématica pode supor importantes dificultades para moitas das persoas que teñen negocios ou,incluso, un incremento dos custes ao ter que externalizar a súa xestión.” Neste sentido, a representante nacionalista no Congreso solicitou que convivan durante un tempo ambas formas de presentación e que se habiliten espazos de axuda nas propias delegacións de Facenda.

Igualmente, os nacionalistas deron conta das iniciativas presentadas no Parlamento galego e da moción que presentarán nos concellos da comarca a respecto do incremento das cotizacións á Seguridade Social e na que se pide que se faga unha verdadeira reforma fiscal que evite o fraude que se atopa, fundamentalmente, nas grandes empresas e nas grandes fortunas. Ante profesionais e representantes das asociacións que os agrupan, os nacionalistas insisten en que “as medidas deste goberno sempre van dirixidas ao mesmo: a afogar aos sectores máis febles, mentras as medidas de apoio só son para as grandes corporacións e aproban amnistías fiscais para quen defrauda.”

Os nacionalistas consideran que “o sector das persoas autónomas e pequenas empresas é fundamental para seguir mantendo a economía na nosa comarca e a súa contribución ao mantemento e creación de emprego é indiscutible.” Por iso consideran fundamental que se garanta o acceso ao crédito para poder garantir a viabilidade destes negocios e critican que “a reestruturación bancaria que aplicou o goberno non servira para garantir liquidez a quen máis o precisa, como é o caso deste sector.”

Desde o BNG trasladaron o seu apoio ás medidas que poida adoptar o sector de cara a defender a súa continuidade e amosáronse en disposición de levar as súas peticións ás institucións nas que teñen representación.

Exit mobile version