Site icon Crónica3.com A Mariña

O Campionato de España de fútbol sala feminino sub 17 foi “unha magnífica promoción para Burela” que se “reafirma coma referente neste deporte”

270114 Foto balance Burela futbol salaBurela, 27 de xaneiro de 2014. O alcalde de Burela, José María González Barcia, compareceu esate luns en rolda de prensa, xunto coas concelleiras de Turismo e Deporte, Mónica Pedre e Beatriz Piñeiro, para facer unha valoración do Campionato de España de seleccións territoriais de fútbol sala feminino sub17 que se celebrou a pasada semana na localidade.

González Barcia valorou de forma moi satisfactoria tanto a celebración do campionato en Burela como o evento en si mesmo: “estes eventos teñen unha destacada repercusión, e sempre é moi positiva a súa celebración, dado que o retorno económico é difícil de cuantificar, pero sen dúbida é importante”.

A concelleira de Deportes, Beatriz Piñeiro, destacou “o alto nivel que está acadando o fútbol sala feminino en España; algúns dos partidos foron impresionantes, aínda que cabe destacar o partido da final, unha demostración do fútbol sala total. Hai que ter en conta que algunhas xogadoras xa están en equipos da primeira división nacional”.

Pero Piñeiro tamén incidiu en subliñar “o papel que ten Burela dentro deste deporte: Burela, grazas fundamentalmente ó Burela Fútbol Sala, ten peso específico a nivel nacional, gañado a pulso e a base de esforzo; de feito, coa celebración deste campionato estou convencida de que Burela se reafirma como referente nacional dentro deste deporte, con todo o que iso conleva”.

A responsable de Deportes tamén subliñou a deportividade e o exquisito comportamento de xogadoras e afección.

Pola súa banda, Mónica Pedre, a concelleira de Turismo, puxo de manifesto que “este evento deportivo tivo moita repercusión dentro do tecido socioeconómico, especialmente no sector da hostalería. Durante a competición os hoteis de Burela estiveron cunha ocupación moi alta, en algúns casos practicamente do cento por cento, con todo o que iso significa. Non hai que esquecer que coas xogadoras, corpos técnicos e directivos das nove seleccións territoriais tamén houbo afeccionados que se desprazaron hasta Burela, polo que o evento foi unha oportunidade de ouro para promocionar o noso concello. E polas conversas que mantivemos, a impresión que se levan as delegacións territoriais é moi positiva”.

A concelleira de Turismo afirmou que “a organización e celebración deste tipo de eventos sempre son positivas, e nese sentido tentamos non perder ningunha oportunidade para promocionar Burela”.

Finalmente, o alcalde, José María González Barcia, agradeceulles á Real Federación Española de Fútbol, á Federación Galega de Fútbol, e ó Burela Fútbol- Sala Pescados Rubén “o traballo feito para que o campionato se celebrase en Burela e para que todo saíra como todos desexábamos: perfecto”. González Barcia manifestou que “esta non será a última competición de alto nivel de fútbol sala que se celebre no noso concello, xa que estamos xa a traballar para organizar outro evento de ámbito estatal que, de chegar a bo termo, será tamén un destacado evento deportivo e unha nova e magnífica promoción turística de Burela”.

Exit mobile version