Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Barreiros aproba por unanimidade a moción dos socialistas que esixe ó Goberno a inmediata retirada do anteproxecto da lei do aborto

BARREIROS, 29 DE XANEIRO.- O Partido Socialista de Barreiros amosa a súa satisfacción pola aprobación unánime da moción presentada polo PSOE contra o anteproxecto de Lei Orgánica sobre o Dereito do Concebido e da Muller Embarazada por ser lesiva para as mulleres e supoñer un menoscabo dos seus dereitos. Neste senso, a secretaria xeral desta agrupación –Carmen Veiga- subliña que se trata “do maior retroceso para os dereitos da muller de toda a democracia”. A este respecto, indicou que “unha vez máis, o Partido Popular decide lexislar a golpe de BOE a moralidade das mulleres, converténdoas nunhas meras xestadoras. Por este motivo, alegrámonos que os populares do noso Concello apoiasen a nosa iniciativa”. Deste xeito, a Corporación acordou esixir ó Goberno Central a inmediata retirada desta normativa, deixando en vigor a actual lei de prazos acorde ó ámbito europeo e froito do consenso das diferentes forzas políticas.

“Unha verdadeira involución”
O pasado día 20 de decembro o Goberno Central decidiu presentar no Consello de Ministros o anteproxecto desta normativa, cumprindo así a ameaza que durante estes dous anos de goberno pronunciaba para acender ás súas bases. Deste xeito, o Partido Popular volve utilizar a súa maioría no Congreso para levar a España a “unha verdadeira involución” que sitúa a este país entre as rexións que están á cola en dereitos femininos relativos ó aborto. Só Irlanda e Malta teñen leis similares á que quere impoñer o Ministro de Xustiza. A nova lei, destaca a socialista, “devolve a clandestinidade ás mulleres, fomentando a mortalidade polo proceso do aborto e introducindo brechas económicas entre as mulleres en precariedade económica que volverán abortar en sotos insalubres”.

“Non permite a decisión da muller”
O anteproxecto presentado “non permite a decisión da muller sobre o seu corpo e vida en ningún suposto”. Fronte á Lei de prazos de 2010, onde as mulleres dispoñían de 14 semanas dende a xestación para decidir se querían seguir adiante co embarazo, a lei presentada polo Partido Popular elimina o dereito da muller a decidir se quere interromper a xestación.

A normativa só recoñece dous supostos para poñer fin ó embarazo: o risco para a saúde psíquica e física da nai ou que este sexa froito dunha violación. Non obstante, ademais de esquecer o dereito da muller a decidir, nin sequera se recoñece o aborto por malformación, enfermidade incurable, ou anomalía fetal incompatible coa vida.

“Endurecemento do proceso administrativo”
Ademais, “endurécese o proceso administrativo para abortar nun claro intento para demorar a decisión”, e así quedar fóra do prazo legal. O suposto de aborto por violación poderá executarse só nas doce primeiras semanas e previa denuncia da agresión, deixando á marxe a condición de vítima da muller violada, e esixíndolle unha celeridade inusual esquecendo as connotacións sociais da vítima.

No outro suposto contemplado para abortar, para probar que hai un risco psíquico ou físico para a nai, deberase acreditar un informe médico de dous facultativos, diferentes ós que vaia practicar o aborto e que nin sequera traballen no mesmo centro onde se practique. Asemade, unha vez avaliado e permitido, o traballador social entregará un informe á muller obrigándoa a un período de reflexión de 7 días. Este proceso administrativo supón outra traba que dificulta a posibilidade de estar dentro do prazo legal.

Exit mobile version