Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo celebrará durante a vindeira fin de semana o Día Mundial dos Humidais con diversas actividades

Ribadeo, 28 de xaneiro de 2014. Como cada ano o Concello de Ribadeo, en colaboración con Enrique Sampedro, autor do blog Ría de Ribadeo, vai celebrar o Día Mundial do Humidais. Nesta ocasión, os día 1 e 2 de febreiro, sábado e domingo próximos, levaranse a cabo unha serie de actividades coa intención de dar a coñecer a importancia ecolóxica e ambiental da ría de Ribadeo e “para sensibilizarnos no mantemento e conservación da mesma”.

O sábado, 1 de febreiro, haberá a partires das 12 da mañá na Casa do Mar unha sobre A ría de Ribadeo, un refuxio para as aves migratorias, a cargo de Xabier Prieto Espiñeira, membro da Sociedade Galega de Historia Natural e autor do blog Bichos y demais familia.
Ese mesmo día ás 15 horas con saída desde a oficina de turismo terá lugar unha ruta pola ría para observar aves. Será guiada por Enrique Sampedro. Durante a visita daranse as claves para identificar e diferenciar as diferentes aves que se poden atopar no estuario. Os interesados en participar deben inscribirse no seguinte número de teléfono: 982 128 689.

Tamén ás 15 horas do sábado dará comezo o 1º Testing Fotográfico Ría de Ribadeo. Simultaneamente á ruta polo ría, quen desexe participar nesta actividade deberá ir provisto de cámara de fotos. Así fotografaranse as diferentes especies de aves para facer o día seguinte unha posta en común. Desde o Concello de Ribadeo advirten da importancia de levar prismáticos e cámara de fotos.

E xa o domingo, 2 de febreiro, ás 12 da mañá na oficina de turismo haberá un obradoiro fotográfico. Os participantes no 1º Testing Fotográfico Ría de Ribadeo reuniranse para identificar as aves fotografadas o día anterior, e subir as fotografías á plataforma Biodiversidad Virtual.

Exit mobile version