Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo inviste máis de 120.000 euros na urbanización do entorno do pavillón municipal

Ribadeo, 31 de xaneiro de 2014. O Concello inviste máis de 120.000 euros na urbanización do entorno do pavillón municipal, que contará con 30 prazas de aparcamento na parte traseira. O alcalde, Fernando Suárez, agarda que a instalación estea lista para o seu uso e disfrute a finais do vindeiro mes de febreiro.

O rexedor contou que “nestes días xa estamos a entrar na recta final de ter este pavillón municipal de Ribadeo completamente operativo e funcional a disposición de todos os veciños e veciñas deste Concello, despois de que xa hai unhas semanas adxudicáramos as obras de urbanización de todo ese entorno. A obra foi adxudicada é empresa Elecnor por importe de 121.000 euros e estase a executar con cargo á incautación das garantías da obra do pavillón”.

Suárez Barcia lembrou que “hai algún tempo tivéramos que rescindirlle o contrato a aquela UTE porque entrara en suspensión de pagos, volvemos a licitar a parte restante do pavillón e xa se rematou. O pavillón en si xa está rematado e o único é que co diñeiro que tiñamos da execución das garantías pendentes da outra empresa utilizámolo para adxudicar a obra de urbanización de todo o entorno, con beirarrúas, para meter luz pública, para meter os pluviais, para meter os sumidoiros, os cables de telefonía, de luz, etc… e para garantir tamén un aparcamento na parte traseira do pavillón dunhas 30 prazas que lle virán moi ben a toda esa zona, que en momentos puntuais ten moita tensión de coches, tanto dos colexios, como do campo de fútbol ou do propio pavillón”.

O alcalde de Ribadeo agarda que “a finais de febreiro estea todo disposto para que todos os veciños e veciñas deste concello e dos do arredor poidan disfrutar desta infraestrutura magnífica que estará a disposición de todas e todos”.

Exit mobile version