Site icon Crónica3.com A Mariña

O dereito a decidir

Manel Yáñez Dablanca.- O tema do aborto ten un calado profundo na nosa sociedade e está sometido a un diálogo constante por parte dos partidos políticos, asociacións e colectivos de diversa índole e todos aqueles cidadáns e cidadás que reflexionan sobre as cuestións que nos afectan no día a día e máxime cando repercuten de forma directa sobre a vida e as actitudes das propias persoas. Tomada a decisión de levar a cabo cambios na Lei, o debate está servido, e é agora cando a cidadanía pode opinar e discrepar, é agora cando é lícito e pertinente debater sobre os principios e os fundamentos que van ser removidos, porque unha vez que a lei chegue ó parlamento a cidadanía só poderá acatar o que alí quede establecido.

A proposta de cambio da Lei 2/2010 supón soster dous principios non consensuados e sesgados sobre o problema que se debate: que toda vida fetal ten a mesma validez con independencia doutros factores como a súa propia evolución ou o sentir, o querer, ou a necesidade da persoa que o alberga, e que a lei debe obrigar a aceptar esto a toda a cidadanía incluso aínda que non se considere así.

A obxeción é clara: as conviccións de conciencia, as relixiosas, a moral propia de cada un, non poden ser o fundamento da lei común, non pode ser o instrumento de imposición dunha norma determinada. Dispor dunha maioría para a toma de decisións non as xustifica, e a confianza que a maioría cidadá manifestou para o partido de goberno non é patente de corso que permita facer o que se queira, máxime cando outros puntos fundamentais que estaban na base desa confianza seguen a estar pendentes. As consecuencias dos cambios que se perfilan volverán a supeditar e limitar á muller a criterios externos ó seu propio, e porán dificultades e barreiras, tanto sociais coma económicas, en toda a súa franxa de vida como persoa.

Non se discuten nin se entra a debater aquí cuestións de moralidade, nin de dereito canónico, doutores ten a igrexa e políticos e lexisladores a sociedade, e non nos compete a nos matizar nin escribir os renglóns que a Constitución deberá amparar, pero é un feito que non escoitar á cidadanía, non consensuar posturas e non aunar criterios non son os camiños acertados para gobernar, e esta crítica e rexeitamento á reforma da Lei do aborto vixente se fundamenta en dous principios fundamentais: que a decisión de ser nai corresponde ás mulleres (e debemos manter esa liberdade constante e uniforme), e que a lei debe protexer a nova vida durante toda a súa traxectoria de maduración vital.

Considero que a lei actual pode e debe ser revisada e matizada, pero mesturar conceptos relixiosos, fisiolóxicos e de crenzas particulares non deben entrar a ser consideracións, principios nin argumentos nunha sociedade democrática moderna, así como tampouco podemos permitir que a muller pase a ser sometida cando decida interrumpir un embarazo a un escrutinio profesional e variado ó longo de diferentes días e diferentes persoas para calibrar, sopesar, enfrontar,…. a súa decisión a diversos estamentos da vida pública, con inxerencias inquisitoriais no seu ámbito privado.

A decisión de ser nai é, indiscutiblemente, cuestión da muller, e as leis deben protexer, amparar e salvagardar en tódolos aspectos ese dereito en primeira instancia. Expor argumentativa e publicamente a opinión forma parte da nosa responsabilidade política, e este é o momento de facelo, temos esa responsabilidade. Se os gobernantes só quixeran que acatáramos pulcramente o que eles digan hoxe, ou o que desdigan para mañá, o sistema político no que vivimos sería outro distinto.

Manel Yáñez Dablanca
Profesor de Filosofía

Exit mobile version