Site icon Crónica3.com A Mariña

O GPP lamenta que Besteiro se esquecese do seu patrimonio durante seis anos e só reaccionase a instancias do PP

Lugo, 30 de xaneiro de 2014.- O Grupo Provincial do Partido Popular reproba a demora de máis de seis anos vivida para que o responsable da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, estude unha solución para a posta en valor de inmobles da súa titularidade.

Os populares extraen que, tras os feitos dados, se demostra que a administración lucense, dende que o bipartito provincial accedeu ao goberno, non foi quen de deseñar unhas pautas a seguir que permitisen a reactivación destes inmobles.

O caso do Mirador de Mondoñedo
En concreto, os populares lembran que o actual goberno provincial, PSOE e BNG, cando tomou posesión das instalacións de Mondoñedo; estas estaban en uso e agora máis de seis anos despois “atópanse totalmente desfeitas pola indiferenza da Deputación de Lugo”. Inclusive, dende o GPP explicaron que unha vez en estado ruinoso a administración lucense tentou malvender o edificio, sen sequera condicionar o seu futuro destino.

O GPP lembra que o propio Besteiro visitou a localidade e chegou a identificar este edificio como un lugar prioritario para o municipio, pero, á hora da verdade, non foron quen, -nin el, nin o seus socios de goberno- de sentarse a valorar o estudo da posible dinamización deste edificio turístico.

Neste senso, dende o GPP agarda que a Deputación de Lugo non se agoche e atenda definitivamente a esta petición tal e como é a súa competencia, sen ampararse en ningún tipo de escusa.

Competencia exclusiva da Deputación
Os populares explican que estas infraestruturas asentadas en diferentes concellos da provincia, son importantes focos para darlle un pulo económico e social aos municipios.

A Deputación de Lugo como titular destes edificios é o ente que ten a responsabilidade directa e exclusiva para a posta en valor destes inmobles; é polo tanto, a súa despreocupación ao longo deste anos, estivo a privar aos veciños de posibles fontes inclusive xeradoras de postos de trabalo locais.

O GPP manterase vixiante
Unha iniciativa do Partido Popular na Deputación para a posta en valor destes inmobles está a marcar o inicio para que a administración provincial sexa consciente da súa responsabilidade e da necesidade de apostar pola reactivación e protección do seu patrimonio.

Os populares recibiron con agrado o voto a favor do PSOE e do BNG na Deputación de Lugo, polo que anuncia que se manterá vixiante para que o compromiso do ente chegue a bo fin e definitivamente estes inmobles sexan postos en valor.

Dende o GPP lembran que a iniciativa levada ao último pleno provincial, non foi a única que o Partido Popular trasladou ao organismo interesándose pola situación destes edificios.

Exit mobile version