Site icon Crónica3.com A Mariña

O Partido Popular denuncia que “Besteiro oculta información ao PP”

Lugo, 31 de xaneiro de 2014.- O Grupo Provincial do Partido Popular denunciou este venres que o presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, lle oculte información ao PP.

Dende fai tempo os populares sofren estas limitacións no acceso á documentación, pero que se viron aumentadas nas últimas semanas, logo de darse a coñecer asuntos que “ao parecer a José Ramón Gómez Besteiro non lle gustaron”.

Unha práctica antidemocrática que vai a máis
Dende o GPP matizan que nas últimas semanas esta práctica antidemocrática vai a máis na Deputación de Lugo. Dende que os populares informaron aos veciños sobre o proceso de desvinculación do Breogán C.B.; ao GPP retrasáselles ver a documentación das Xuntas de Goberno.

A maiores, o último dos exemplos desta política escurantista evidénciase que, dende que se deu a coñecer o pago de comidas á UXT, nos Decretos de Presidencia ocúltanse os conceptos das facturas.

A dobre cara da Deputación
Os populares denuncian a dobre cara da administración provincial que mentres veñen de anunciar unha ferramenta que segundo din, aumentará a transparencia, o acceso á información pública e poñerán de manifesto normas de bo goberno; a realidade é que o escurantismo na Deputación vai en aumento.

Polo tanto, os populares pregúntanse que motiva a Besteiro a ralentizar ou restrinxir o acceso á información ao GPP, convertendo á Deputación nun goberno sen transparencia e con posibles razóns para ocultar datos.

Denominan a plataforma, un goberno intelixente
Os populares matizan que non deixe de ser irónico que presenta esta plataforma como Goberno Intelixente, semellando que a intelixencia non existiu ata agora no goberno da Deputación de Lugo.

A maiores, os populares engaden que “máis que irónico é unha desvergoña que prometan transparencia, acceso á información pública e normas de bo goberno cando o partido que ganou as eleccións no seu labor de control de goberno, cada día ten máis atrancos para facer o seu traballo”.

Un dereito dos populares
Os artigos 18 e 19 do Regulamento Orgánico de Funcionamento da Deputación (ROF), de maneira textual citan que “todos os membros da Corporación teñen dereito a obter do presidente ou da Xunta de Goberno, cantos antecedentes, datos ou información obren en poder dos servizos provinciais e resulten precisos para o desenvolvemento da súa función”

O GPP só quere realizar a súa labor de control e fiscalización do goberno e para poder cumprir coas súas responsabilidades, os populares valoran a posibilidade de poñer en coñecemento do Defensor do Pobo esta circunstancia.

Exit mobile version