Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP asegura que se alguén ten que pedir desculpas é a Deputación pois a Xustiza recoñece irregularidades administrativas nas obras de Marco de Álvare

Lugo, 27 de xaneiro de 2013.- O Grupo Provincial do Partido Popular lamenta que o Goberno da Deputación de Lugo evidencie tal alto descoñecemento da lexislación procesual penal ata o punto de ser incapaz de diferenciar entre un procedemento iniciado a instancias da Fiscalía –como é o caso que nos ocupa, o das obras de Marco de Álvare (Riotorto)- e outro promovido polo Partido Popular.

Os populares insisten en subliñar que o auto aclara que é a Fiscalía, logo do estudo dos feitos, quen pide ao Tribunal a apertura das dilixencias de investigación “para determinar a existencia de presuntos feitos delituosos e a súa autoría” e aclaran que o papel do Partido Popular limitouse a, con responsabilidade, poñer en coñecemento do Ministerio Fiscal a documentación que o propio departamento de Obras e Vías da Deputación tiña, e que confirmaba un desfase no custe desta actuación, pero sen constituírse como parte no proceso xudicial posterior.

Desde o PP insisten en que, con independencia de que estes feitos non revistan relevancia penal a propia Xustiza recoñece irregularidades administrativas polo que, entenden que se alguén ten que pedir desculpas sería a propia Deputación e os seus responsables políticos, que unha e outra vez incorren en mala xestión, como aconteceu no caso da piscina de Monterroso: son protagonistas dun novo caso dunha obra que foi pagada en base a certificacións que non se correspondían coas unidades realmente executadas o que obrigan a reclamar o que se cobrou indebidamente.

Exit mobile version