Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP asegura que “un informe técnico corrobora deficiencias no saneamento de Sasdónigas pese a que o alcalde negou a existencia destes defectos na EDAR”

Mondoñedo, 04 de xaneiro de 2014.- O Partido Popular de Mondoñedo tivo acceso a un informe técnico que corrobora a existencia de deficiencias na EDAR do sistema de saneamento da parroquia de Sasdónigas. Un documento que vén a desmentir as afirmacións do alcalde, Orlando González, quen no transcurso dunha sesión plenaria desmentiu a existencia destes defectos.

O PP, cursando a petición dos veciños, levou no mes de setembro a pleno unha iniciativa na que instaba ao Concello de Mondoñedo a arranxar de maneira urxente as imperfeccións que sufría a estación depuradora e a posta en funcionamento inmediata do servizo. O equipo de goberno rexeitou a proposta ao asegurar que estes problemas non existían e que eran os veciños os que non se enganchaban ao servizo, simplemente, por que non querían.

Agora un informe técnico avala estas imperfeccións na súa execución que provocaron que o saneamento en Sasdónigas nunca chegase a funcionar, o que converte a esta obra, realizada con cargo ao Plan E 2009-2010, nun novo exemplo de falta de xestión de fondos públicos por parte do equipo de goberno de Mondoñedo, que inviste en infraestruturas que dado a deficiencias de base non chegan a dar o uso para os que foron construídas.

O informe técnico
O informe técnico, con data de rexistro de setembro de 2013, informa ao Concello de Mondoñedo de deficiencias achadas na EDAR, que afectan tanto a estrutura da estación depuradora como ao entorno.

Dunha maneira máis concreta, no informe reflíctese a non existencia de selectividade entre as proteccións eléctricas do cadro xeral situado anexo ao contador de enerxía eléctrica e o cadro de protección da EDAR, existindo unha distancia entre eles de aproximadamente 1,5 km.

No informe tamén se refiren ao material de construción que pode sufrir corrosión prematura, destruíndo rapidamente a estrutura da depuradora; ademais de citar a carencia da rexa automática, -necesaria nunha planta deste tipo co obxecto de evitar atascos na rede de saneamento-, e dun medidor-rexistrador de caudal.

A maiores, o acceso a EDAR é moi deficitario, impedindo a circulación de vehículos, o que dificulta un correcto mantemento da planta, co que non se pode verificar o funcionamento da calidade da auga depurada.

Desatención do goberno local
Os populares comprobaron in situ que a estación nunca chegou a función ao ver que non consumiu ningún ‘kilovatio’ de enerxía eléctrica, o que levou aos populares a presentar varias preguntas plenarias en relación coa posta en funcionamento deste servizo e instando a que se corrixan as deficiencias sen acadar éxito ata a data, que existe un informe que avala esta circunstancia.

Os populares lembran que ao largo deste ano moitos veciños denunciaron o desatino da execución da obra, trasladando en varias ocasións instancias persoalmente ao Concello, solicitando a alta do servizo, que a día de hoxe non foron atendidas.

Ante esta situación, os populares úrxenlle ao equipo de goberno que corrixa as deficiencias reflectidas no informe e permita dar funcionamento a esta dotación, que tivo un orzamento de licitación cifrado en 332.622,91 euros.

Exit mobile version