Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Mondoñedo informa que o luns 27 remata o prazo de exposición pública do PXOM

Mondoñedo, 25 de xaneiro de 2014.- O Partido Popular de Mondoñedo advirte a todos os veciños que o próximo luns, día 27 de xaneiro, remata o prazo de exposición pública ao que se someteu o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

Deste xeito, os populares continúan coa súa labor de información aos veciños en torno a este documento “imprescindible para o municipio” e que en consenso con todos se debe converter “nun plan útil para o futuro da localidade”.

Presentación de alegacións
Os populares explican que o seu grupo presentará alegacións para que este documento sexa unha “verdadeira peza” de desenvolvemento para Mondoñedo ao longo dos próximos anos.

Así, entre as alegacións que rexistrará o Partido Popular, como grupo municipal, atópase a relativa aos denominados espazos verdes e zonas libres, que están contemplados no PXOM proposto: parque lineal do Valiñadares, o parque de Castro e a ampliación da zona deportiva Viñas da Veiga.

Alegación espazos verdes e zonas libres
Especialmente no caso do parque lineal do Valiñadares, os populares citan a clara desproporción dos metros cadrados esixidos por lei para o sistema xeral de espazos libres e zonas verdes respecto á superficie edificable residencial de Mondoñedo.

A maiores o estudo económico que recolle o custo que suporía este espazo ao municipio “non é realista”, xa que só contempla a expropiación do chan, sen contar cunha dotación digna paro o uso que se pretende e para o mantemento anual.

Deste xeito, piden que na aprobación provisional revisen as superficies destinadas a espazos verdes e zonas libres, xustificándoas non só no presente, senón tamén no futuro xa que “o que a priori parece unha idea positiva para o municipio, pode que se converta nunha importante carga a longo prazo”.

O PP traballou dende a oposición
Ademais de presentar alegacións como grupo municipal; o Partido Popular de Mondoñedo tamén habilitou a sede local como punto de información, poñendo técnicos á disposición dos veciños, e aportando a documentación necesaria para o estudo e asesoramento demandado sobre o PXOM.

O PP manifestou esta implicación sendo consciente da relevancia e necesidade de que se elabore con éxito un documento con estas características. Coñecedores das demandas por parte dos veciños, dende o Partido Popular tamén se solicitou vía plenaria a ampliación do prazo de exposición pública que lograron sacar adiante tras acadar o consenso das outras dúas forzas políticas.

Exit mobile version