Mondoñedo, 24 de xaneiro de 2014.- O Partido Popular de Mondoñedo non se explica que non existan dimisións detrás da “incompetencia” manifestada en relación á obra do entorno da Catedral, Seminario e Rúa da Fonte.
Os populares fan estas declaracións tras coñecer que o equipo de goberno de Mondoñedo leva ao próximo pleno unha proposta para iniciar o expediente de revogación do acordo relativo a incautación da garantía definitiva referida ao contrato administrativo “Proxecto de Reordenación dos espazos públicos do entorno da catedral: praza do seminario e rúa da Fonte”.
“Os veciños teñen demostrado de sobremaneira a súa paciencia e bo comportamento”, expresan dende o Partido Popular, xa que do contrario a actitude sería moi distinta, ao descubrirse reiteradamente “fallos tras fallos” detrás deste proxecto, orixinados na “ineptitude” do equipo de goberno.
A empresa abandona a obra sen acabala
O Partido Popular de Mondoñedo lembra que existe un informe que avala o abandono da obra por parte da empresa, deixando traballos pendentes en execución de melloras, elementos de acabado e sinalización sen executar, así como defectos en algunhas unidades de obras.
Neste senso, o pleno da corporación local aprobou en setembro de 2013 incautar a fianza, e agora “por razóns inexplicables” propoñen a revogación deste acordo. A “torpeza” do goberno de Mondoñedo lévaos unha vez máis a cometer erros neste proceso o que, segundo lamentan os populares, repercute, de maneira negativa e unha vez máis, no día a día dos mindonienses”.
Asumir responsabilidades
A proposta que leva o equipo de goberno ao próximo pleno local está a retrasar que se levan a cabo actuacións que arranxen as deficiencias na obra da praza do seminario e entorno da catedral.
A situación amosa por si soa a falta de implicación do goberno local que se demostra incapacitado a dar unha solución, tras investir diñeiro para obter unha localización en “peores condicións das que se atopaba antes de iniciar as obras”.
O resultado deste proxecto, segundo explican dende o PP, non só provoca unha mala imaxe para os visitantes, senón que tamén un risco para as persoas e os vehículos. Deste xeito, os populares defenden que alguén ten que asumir responsabilidades ante esta situación que carrexa “erro tras erro” de maneira “inaceptable”.
Patoloxías en torno á obra
Un informe técnico reflexa patoloxías nesta obra por valor de 15.000 euros e melloras pendentes de execución por máis de 110.800, xunto a outros gastos xerais e impostos que suman un importe total de 181.291,08 euros.
As deficiencias resúmense en arquetas e elementos de pedra sen rexuntado adecuado que, por un defectuoso asentamento, materializáronse en desprendementos de pedras e, en algúns casos, na rotura deixando inservibles certas zonas da rúa.
A maiores as conexións eléctricas deixáronse realizadas de forma provisional, sen ter o conseguinte proxecto de legalización preceptivo, sendo ditas instalacións, polo seu carácter provisional, imposibles de legalizar.
E por último, tamén quedaron elementos do mobiliario urbano sen a correspondente sinalización tales como bancos ou similares, de forma que foron golpeados por vehículos e movidos do seu sitio.