Site icon Crónica3.com A Mariña

O sistema eléctrico e a tarifa eléctrica, temas da vindeira xornada de economía sostible de ADEGA

Lugo, a 22 xaneiro de 2014.- O pasado venres, ADEGA inauguraba a Xornada “Cara unha nova cultura da Economía sostible” cunha conferencia sobre a “Economía do Ben Común” impartida polo vogal de Empresas no Estado español da organización internacional que impulsa este novo paradigma económico. O vindeiro venres, 24 de xaneiro, celebrarase unha segunda sesión de debate que pechará o programa. Nesta ocasión, ADEGA organiza unha mesa redonda sobre “O sistema eléctrico, a tarifa eléctrica”, na que participarán:

-Adrián Dios, autor dunha tese sobre o sistema eléctrico;
-Iria Aguete, voceira da asociación de consumidores ADICAE;
-Pablo Álvarez, presidente da cooperativa verde de consumo enerxético, “A Nosa Enerxía”.

Os ponentes explicarán cadansúa perspectiva sobre o actual sistema eléctrico e a fixación de prezos, así como as posibles solucións para mellorar e/ou modificar o sistema para que sexa máis eficiente, sostible e xusto para o consumidor. Tamén se tratarán de explicar para un público xeral conceptos como “tarifa eléctrica”, “déficit tarifario”, etc., xurdidos nalgúns casos tras as últimas Reformas lexislativas experimentadas polo sector.

Encargarase de moderar a mesa de debate Manuel Soto, profesor da Universidade da Coruña e membro de ADEGA.

As xornadas conta co apoio da Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo. Esta última sesión terá lugar o vindeiro venres, 24 de xaneiro, na Sala de Exposicións da Deputación de Lugo, ás 20 horas. A entrada será de balde e para todo tipo de públicos.

Exit mobile version