Site icon Crónica3.com A Mariña

O Tribunal Supremo anula o proxecto para a construción da liña de alta tensión da subestación de Mondoñedo á de Boimente

A Asociación de Veciños Vilaoriente da parroquia dos Remedios, Mondoñedo, felicítase polo triunfo xudicial que da a razón aos mindonienses que “despois de preto de 17 longos anos de loita” lograron outra sentenza do Tribunal Supremo en Madrid que anula a aprobación do Proxecto Sectorial concedida pola Xunta para a construción da Liña de Alta Tensión da subestación de Mondoñedo á subestación de Boimente, en Viveiro, recoñecendo a súa ilegalidade.

O Tribunal Supremo, sala terceira do contencioso administrativo, por decreto ditado en data 22 de outubro de 2013, acaba de declarar firme a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia de data 22 de xaneiro de 2010 que estimaba o recurso interposto por esta Asociación de Veciños contra o acordo do Consello da Xunta no que se aprobaba o Proxecto Sectorial da liña de alta tensión da subestación de Mondoñedo á subestación de Boimente, anulando o mesmo.

Isto supón que os 24 quilómetros dos 24 quilómetros desta liña de alta tensión que discorre polos concellos de Viveiro, Ourol, O Valadouro, Alfoz e Mondoñedo; e que, pretendía, conectar a subestación de Boimente coa subestación de Mondoñedo, quedan sen cobertura lega que outorga un Proxecto Sectorial.

“Esta sentenza, pioneira en canto que anula un proxecto sectorial aprobado polo Consello da Xunta, e que ademais deberá insertarse na publicación oficial de xurisprudencia do Tribunal Supremo, representa un gran apoio e respaldo á posición mantida por esta asociación na súa oposición á pretendida ampliación da Subestación de Mondoñedo, recollendo así o sentir maioritario da poboación para que se cambie a ubicación de dita subestación”, afirma Carlos Maseda González, Presidente da Asociación de Veciños Vilaoriente.

Maseda destaca que “unha vez máis a xustiza ven dando a razón á Asociación de Veciños Vilaoriente sobre a imposibilidade xurídica de ampliar a subestación; xa que a sentenza do TSXG de data 23 de marzo de 2010, que estima o recurso interposto pola asociación contra a desestimación por silencio administrativo do recurso de alzada interposto contra a resolución do 25 de decembro do 2006 ditada pola Consellería de Innovación e Industria para dita ampliación, anulando a mesma por ser contraria a Dereito: unha sentenza declarada firme por decreto ditado en data de 21 de outubro de 2010 polo Tribunal Supremo, sala terceira do contencioso administrativo”. Así mesmo, recorda tamén a sentenza do TSXG ditada en data de 1 de xuño de 2005 que declara a nulidade da resolución dada pola Consellería de Industria sobre o “Proxecto de execución de ampliación da subestación de Mondoñedo”, que foi declarada firme polo auto ditado en data de 8 de febreiro de 2007 pola sala do contencioso-administrativo sección primeira do Tribunal Supremo, recurso de casación 5111/05.

O Presidente da asociación de veciños, concreta que “polo tanto, estas tres Sentenzas do TSXG, ratificadas polo Tribunal Supremo, adquiriron firmeza”. Así, a ampliación da subestación de Mondoñedo pasa a ser “cousa xulgada, material e formal”.

Nese sentido, Carlos Maseda recorda que “neste tipo de proxectos requírese a autorización e a aprobación, non só atendendo a criterios técnicos eléctricos, senón tamén en canto a criterios de planificación territorial, urbanísticos, ambientais e culturais; ademais de que é preceptivo que se consideran todos e cada un deles. É obrigación da Administración comprobar e verificar antes da autorización e da aprobación, se os proxectos presentados son susceptibles de ser desenvoltos”, continúa.

Así, recórdalle á Xunta que “a pretendida Ampliación da Subestación de Mondoñedo por parte de E.on/BEGASA/Viesgo ven xa dende 1997/1998 e, en todo este tempo, non o conseguiron por resultar xuridicamente imposible”. Deste xeito, apunta que “o empecinamento de E.on, neste sentido, non leva a ningún sitio, e a administración ten obrigación de telo en consideración”.

A Asociación de Veciños entende que “acontecementos coma a explosión e incendio da
Subestación de Boimente, evidencian unha vez máis o carácter perigoso deste tipo de instalacións e do grave erro histórico da ubicación da Subestación de Mondoñedo, que transforma enerxía eléctrica, e é susceptible de orixinar riscos graves por explosións, combustións, radiacións e outras de análoga importancia para as persoas e/ou bens”.

Ademais, lamentan que “a razón fora imposta pola Xustiza e non pola responsabilidade de aqueles que teñen entre as súas obrigas tanto a defensa da legalidade urbanística, coma a defensa da saúde e a protección das persoa se/ou bens”. Aínda así, agardan que “a partir deste momento se adopte o principio de precaución e que tanto a Xunta como a empresa E.on recapaciten e demostren unha vontade de resolver e de solucionar definitivamente a problemática da Subestación de Mondoñedo”.

Nese mesmo sentido, instan a que “renuncien de forma definitiva a este tipo de instalacións tan próximas a zonas densamente habitadas, máxime cando o seu estado xeral, situación e características implican un risco grave para persoas e/ou bens”.

Finalmente, a Asociación de Veciños Vilaoriente congratúlase do apoio e respaldo recibido e dálle as grazas a todos os que nos expresan o seu afecto e solidariedade, e nos animan a continuar traballando para que se cambie a ubicación de dita subestación”.

Exit mobile version