Site icon Crónica3.com A Mariña

O V Encontro de Cooperación cos Concellos analizará o reparto de competencias na administración trala reforma local

v-cooperacionconcellosO Deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Álvaro Santos Ramos, presentou este mércores o V Encontro Provincial que se celebrará o vindeiro 10 de febreiro no Salón de Actos do Pazo de San Marcos. Baixo o título “A reforma das bases do réxime local español” analizará o novo modelo de administración local dende a perspectiva competencial e conta coa colaboración da Fundación Democracia y Gobierno Local.

Santos Ramos destacou que é o 5º ano que se celebra ese foro no que “se debate de xeito plural e aberto sobre os temas que realmente preocupan ás entidades locais, tratando de buscar solucións e recursos para mellorar a súa efectividade”. O Deputado salientou que “cada ano son máis os profesionais que se interesan polas ponencias do encontro polo elevado prestixio dos participantes e a utilidade das mesas redondas das que se extraen interesantes conclusións para aplicar na xestión das entidades locais”.

Tema de actualidade
O encontro trata cuestións de plena actualidade e útiles para o bo e eficaz funcionamento dos Concellos. Deste xeito, en edicións anteriores abordáronse os servizos de asesoramento gratuíto que ofrece a Deputación ós Concellos (xurídico, económico-financeiro e técnico), a lei de protección de datos e a administración electrónica. Este ano, continuando na mesma liña o Encontro é unha oportunidade única para debater o futuro das Deputacións e pequenos Concellos trala reforma laboral que redefine competencias. Ó longo das 5 edicións deste encontro participaron nas xornadas preto dun millar de persoas.

Nesta edición, o encontro abordará a reforma do réxime xurídico dos entes locais a través da modificación da lei das bases de Réxime Local e en especial o novo sistema de distribución competencial e o novo papel neste panorama das administracións provinciais.

Programa
Para abordar estes asuntos, haberá unha mesa redonda, unha lección maxistral e dúas ponencias, mesas redondas e unha conferencia, para as que a Deputación conta con prestixiosos participantes. Trala inauguración da xornada, a cargo do Deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Álvaro Santos Ramos, terá lugar a mesa redonda sobre a reforma do réxime local español coa participación do profesor de Dereito Administrativo da Universidad Rey Juan Carlos de Madrid, Fernando García Rubio; o catedrático de Dereito Constitucional da Universidad de Sevilla, Manuel Medina Guerrero; e o catedrático de Dereito Administrativo da Universidad de León, Tomás Quintana López. A Continuación será a quenda da lección maxistral sobre os aspectos máis importantes da reforma a cargo do catedrático de Dereito Administrativo da Universidade Carlos III de Madrid, Tomás de la Quadra-Salcedo Fernández del Castillo. O encontro continuará coa ponencia do profesor de Ciencia Política e da Administración Pública da Universidade de granada, Manuel Zafra, sobre o papel das Deputacións no novo marco da planta local e a Catedrática de Dereito Administrativo da Universidade de Jaén, Eloisa Carbonell Porras, sobre o novo modelo de distribución de competencias dos entes locais.

Inscricións
O encontro de Cooperación está dirixido a todos os responsables e traballadores das administracións locais: Alcaldes, Concelleiros, persoal dos departamentos municipais e recursos humanos, así como empregados públicos en xeral. En canto á inscrición, os interesados poden anotarse dende hoxe mesmo na web www.deputacionlugo.org, onde atoparán toa a información sobre o encontro; enviando un correo electrónico a cooperacion@deputacionlugo.org, ou chamando ó 982-22-78-12. O aforo está limitado á capacidade do Salón de Actos da Deputación.

Exit mobile version