Site icon Crónica3.com A Mariña

Os nacionalistas afirman que “o sector da pequena empresa e persoas autónomas manifestan malestar e preocupación polas medidas que está a adoptar o Goberno”

A Mariña, 30 de xaneiro de 2014. Unha representación do BNG mariñao da que formaban parte a responsábel comarcal, Ana Ermida; o concelleiro en Burela, Mario Pillado e as persoas da executiva e tamén concelleiros e concelleira, María Xosé Fernández, Xoán Antón Estúa e Antonio Veiga, reuniuse na noite de onte con representantes das asociacións de comerciantes e autónomos para analizar a situación que están vivindo actualmente e, concretamente, a incidencia das últimas medidas que está a pór en marcha o goberno do Estado.

Segundo a formación nacionalista, “as persoas que asistiron ao encontro transmitíronnos a súa inquedanza polas dificultades coas que se atopan no día a día e o seu malestar polas continuas medidas que se están a adoptar desde os gobernos que os imposibilitan para o seu desenvolvemento económico”. Os alí presentes, consideran que “a suba das cotizacións é un paso máis nunha batería de medidas que ao único que contribúen é a asfixia económica dun sector que, a día de hoxe, é o sustento de grande parte da economía mariñá. ”

As persoas autónomas e pequenas empresas, coincidían nos posicionamentos trasladados polo BNG a respecto da “ineficacia das medidas e tamén na valoración das mesmas como outro paso máis na asfixia das pequenas empresas, mentres se axuda ás grandes corporacións.”

O sector manifestou “sentirse discriminado con respecto ás grandes empresas e centros comerciais tanto en cuestións como o acceso ao crédito como na propia liberalizacións dos horarios comerciais ou na carga impositiva que están a soportar, o que lles supón un sacrificio persoal que moitas veces é difícil de levar a cabo.”

A formación frontista trasladoulles o seu apoio para a defensa do comercio de cercanía, pequenas empresas e persoas autónomas e amosaron a súa disposición a trasladar as súas demandas por medio dos seus representantes nas distintas institucións, desde os concellos ata o Congreso.

Exit mobile version