Site icon Crónica3.com A Mariña

Os populares cren que “o goberno do BNG vive nun acomodado Ribadeo”

Os concelleiro/as do PP de Ribadeo denuncian que o goberno municipal aprobou ordenanzas para axudas sociais cunha dotación de 28.600 € que terán que compartir os casos de emerxencia social con bonos para ludoteca e o programa “Bos Días” do Gregorio Sanz para pais que cobren ata 1.500 € netos e con axudas do 90 % para asistencia a actividades municipais.

No pleno municipal celebrado a pasada semana descubrimos que o goberno municipal non semella vivir no mesmo Ribadeo no que vivimos os demais. No seu idílico pobo precisan de axuda pública as persoas que gañan 1.500 € netos; a metade das familias (as que levan os seus fillos ó colexio concertado) non precisa de apoio para a conciliación e 28.600 € chegan para atender as axudas de emerxencia e extrema necesidade e para pagar a metade da ludoteca e o “Bos días” do Gregorio Sanz e o 90% das actividades municipais (escola de música, escolas deportivas, campamentos de verán, etc,..) aos que, según o seu aberto criterio, o precisen. Así quedou de manifesto cando presentaba o goberno para a súa aprobación (que, coa súa maioría e a abstención de PSOE e UPRI efectivamente se aprobaron) varias ordenanzas que corresponden a regulamentos para establecer axudas de tipo social.

O PP apoiou unha primeira norma que se refire a prestacións económicas para familias en situación de emerxencia ou urxente necesidade por considerar primordial este tipo de axuda ás familias que o están pasando realmente mal nestes momentos e que, nalgún caso, poden verse nunha situación de non poderen pagar a hipoteca, o aluguer, a luz, a auga ou, incluso, non poder mercar comida ou cueiros para os seus fillos. Todos somos conscientes de que entre os nosos veciños existen verdadeiros dramas humanos que o concello debe, por riba de todo, atender. A partida nos orzamentos prorrogados para este ano é de 28.600 € e ó noso entender podería ser incrementada restando diñeiro de outras partidas menos necesarias, pero confiamos en que se amplíe se é preciso e non se desatenda a ninguén.

Despois desta ordenanza, atopamos outras dúas que nos amosaron claramente que o goberno vive na súa nube de comodidades sen palpar a realidade da rúa e dos nosos veciños. As axudas que se propoñen consisten en ofrecer apoio ás familias para a conciliación da vida laboral e familiar e para a asistencia de menores ás actividades municipais. Nada temos que obxectar ós fins que se plantexan pois consideramos preciso apoiar a conciliación e xa nos manifestamos nos sucesivos debates dos orzamentos municipais reclamando algún tipo de sistema que contribúa ao acceso xeneralizado ás actividades posto que os elevados prezos de moitas delas non están ao alcance de moitas familias nos tempos que corren. Pero, na forma en que se establecen as axudas aparecen as nosas discrepancias.

A finalidade da primeira ordenanza consiste en aboar ás ludotecas o 50% das horas de estancia dos nenos cando os pais coincidan no seu horario laboral e tamén o programa Bos días do colexio Gregorio Sanz, deixando, unha vez mais, sen apoio o programa madrugador do centro Sagrado Corazón e, polo tanto, sen conciliación para as familias que teñen alí escolarizados os seus fillos. A súa eterna escusa de que é un centro privado non serve cando non é así e, ademais, na mesma liña de axuda reciben subvención as ludotecas, que son empresas privadas. Non é o fin deste programa manter a economía dos colexios nin das ludotecas, senón axudar aos pais a costear a atención aos fillos mentres eles traballan, independentemente de quen preste ese servizo. Sectarismo e discriminación unha vez máis.

No establecemento dos requisitos para o acceso ás axudas establecen que “a renda da unidade de convivencia non supere os 1500 € netos mensuais se ten un fillo/a ao seu cargo ou 1800 € con dous ou máis fillos”. No informe técnico establécese que a finalidade, ademais de conciliar, é “evitar que esta familia ao non poder conciliar se sitúe en risco de exclusión social”. Nos tempos actuais falar de exclusión social para estas persoas parece un insulto a moitas familias que viven no noso concello con un salario mileurista, con unha prestación por desemprego (o número de parados duplicouse en Ribadeo dende o 2005 ó 2013), con unha pensión de xubilación ou invalidez, coa axuda de 420 € para os que remataron o resto de posibles prestacións ou, incluso, sen ingresos.
Outro fondo desacordo prodúcese posto que a condición económica e patrimonial e estar censado en Ribadeo son os únicos requisitos que se analizan nos posibles beneficiarios, sen terse en conta en ningún momento outros aspectos vitais para establecer a maior ou menor necesidade deste apoio, como pode ser o de residir no mesmo domicilio os avós ou fillos maiores que non traballen e poidan compaxinar os horarios cos menores. Esta circunstancia pode provocar situacións de enorme inxustiza, por exemplo, que reciba axuda unha familia que vive cos avós e, en troques, unha nai que vive soa cos fillos e non ten familiar ningún preto dela quede excluída por rematarse a partida orzamentaria.
A forma de adxudicación por orde de chegada é inxusta, pois non establece unha prelación derivada da casuística que sexa reflexo do grado de necesidade de cada solicitude, senón que quen solicite primeiro levará a subvención e cando se remate o diñeiro non se poderá atender novas peticións, independentemente de que sexa a súa situación máis ou menos perentoria.

No tocante ás actividades do concello tamén discrepamos en diversos aspectos como que se subvencione o 90% da actividade a aqueles que resulten beneficiarios, considerando unha postura máis axeitada elaborar unha horquilla desde o 90% para as rendas máis baixas e ir reducindo a porcentaxe segundo medren os ingresos para que poidan beneficiar a un maior número de familias. Dado que son actividades organizadas polo concello consideramos tamén máis lóxico que se establezan exencións no pago das taxas pois evitarían ás familias ter que adiantar o diñeiro da matrícula que lle será reintegrado con posterioridade.

Son moitos e moi variados os aspectos formais destas normas que rexeitamos pero, por riba de todo, non cremos que esta sexa a mellor maneira de distribuír os 28.600 € que o goberno destina a axuda social. Desgraciadamente, os ribadenses viven nun mundo moi distinto á acomodada situación deste goberno e semella que os seus criterios sobre quen precisa asistencia social nese Ribadeo que eles coñecen ou sobre a distribución do diñeiro de todos para axudar aos que máis o precisan nada teñen que ver coa realidade. Xulguen vostedes mesmos as verbas do alcalde na nota informativa do pleno na web do concello: “pretenden fomentar a xustiza e a igualdade e redistribuír a riqueza entre as familias que máis o precisan de Ribadeo”.

Exit mobile version