Site icon Crónica3.com A Mariña

Os populares critican que “a Deputación xustifica con mentiras a listaxe de axudas a entes afíns, que se engrosa coa achega a Solga para unha gardería en Paraguai”

Lugo, 25 de xaneiro de 2014.- O Grupo Provincial do Partido Popular asegura que a mentira é a única arma da Deputación de Lugo para xustificar axudas a entes afíns, ao que engaden que a lista de asociacións citadas se engrosa con outra subvención concedida a Solga.

A Fundación Solidariedade Sindical Galega (Solga) percibiu unha achega económica da administración lucense por un importe de preto de 30.000 euros, dirixida á instalación para dotar de autonomía o subministro eléctrico mediante enerxías renovábeis nunha gardería infantil en Paraguai.

Esta subvención, segundo denuncian os populares, unha vez máis, concedeuse a través do procedemento de excepcionalidade, do que abusa Besteiro, para beneficiar a entes afíns a sindicatos ou partidos políticos.

Solga, con domicilio social en Santiago de Compostela, foi constituída por escritura pública outorgada ante notario en Vigo, pola Confederación Intersindical Galega (CIG).

Só lles queda recorrer a mentiras ou medias verdades

O Grupo Provincial do Partido Popular explica que ao equipo de goberno da Deputación só lles queda recorrer a mentiras ou medias verdades para argumentar os motivos que o levan a utilizar con fins partidistas os fondos públicos de todos os lucenses.

Neste senso, os populares matizan que existe unha única verdade, avalada polas publicacións no Boletín Oficial da Provincia, en actas de xuntas de goberno e en decretos de presidencia: A Deputación de Lugo utiliza de maneira moi recorrente o procedemento de excepcionalidade para beneficiar a asociacións vinculadas a partidos políticos e sindicatos para fins que, consideramos, que non recollen o principio de necesidade.

As asociacións non figuran no PES
O GPP explica que dende a Deputación de Lugo menten ao asegurar que todas estas subvencións están avaladas no Plan Extratéxico de Subvencións (PES), ao que se refiren como un documento xenérico, un verdadeiro caixón de xastre, que recolle partidas das que non se sabe nin o destino nin o procedemento a seguir.

Deste xeito, no PES 2012, 2013 e 2014 non aparecen citadas as tres asociacións ás que o PP fixo referencia na nota de prensa enviada onte, venres 24 de xaneiro, o que demostra a mentira da Deputación de Lugo.

E máis, o GPP engade que non votou a favor da proposta presentada polo equipo de goberno sobre o Plan Estratéxico de Subvencións da Deputación de Lugo, nas anualidades ás que referiu. O seu posicionamento ou ben foi en contra, como acontece no PES do 2013, ou abstención. Neste senso, o PP xustifica a súa abstención na existencia de asociacións e municipios que solicitan axudas para fins moi necesarios e que os populares non queren que se entenda o seu voto como un posicionamento en contra destes entes.

As actas plenarias recollen as denuncias do PP
Os populares nos debates de aprobación do PES denunciaron en todo momento, tal e como recollen as actas, -achégase unha delas-, que estes plans non son obxectivos nin se rexen polo principio de igualdade. Nestes debates os populares incluso chegan a facer referencia a algunha das asociacións citadas e denunciando o partidismo que vai en detrimento dos concellos gobernados polo PP.

En ditas actas, os populares tamén denuncian o procedemento seguido para a concesión das subvencións. Mentres que a lei regula a concorrencia competitiva como o procedemento máis recorrido; para a Deputación de Lugo a normalidade é a concesión a través do procedemento de concesión directa excepcional ou nominativo

Polo tanto, as propias actas plenarias desmontan as afirmacións nas que se escudan dende a Deputación Provincial de Lugo para xustificar unha política a través da que están a beneficiar asociacións afíns.

Exit mobile version