O PP de Viveiro ven advertindo dende fai tempo, a falta de previsión e desidia dos representantes municipais socialistas sobre a situación das dúas embarcacións de propiedade municipal: o 2º Flor de Ares – situado no parque municipal Dr. Sampedro Galdo en Lavandeiras- e A Pomba – atracada no porto de Celeiro-.
Esta falta de xestión provocou o desguace do primeiro e a posible eliminación do segundo como consecuencia do grave deterioro de ambas que provocará a perda dunha parte do noso patrimonio que é o de todos os veciños de Viveiro.
O PP de Viveiro sempre mostrou o seu interese por esta situación, denunciándoa tanto a través dos medios de comunicación como en diferentes sesións plenarias, sen ir máis lonxe no pleno do 31 de maio de 2013 onde se preguntaba ao Alcalde sobre as intencións do goberno local sobre ambas embarcacións.
As queixas de varios veciños de Celeiro ó noso grupo municipal sobre o abandono do barco 2º Flor de Ares – motivadas non so polo seu aspecto lamentable, senón porque servía de zona de xogos para nenos, co conseguinte risco físico para os mesmos – motivou que o noso grupo presentase o pasado mes de decembro de 2013 varios rogos ao goberno local, para que adoptase as medidas necesarias para a súa reparación, así como que extremase as medidas de vixilancia para que non servise de lugar de xogos a estos menores.
Polo que respecta ao barco A Pomba foi unha mostra máis do modus operandi do tándem PSOE-BNG, unha boa idea, pero unha nula capacidad para levala á práctica. Dilapidáronse os 22.500 € que se pagaron pola súa compra, pagáronse 9.575,12 € por tela atracada no Porto de Celeiro durante o 2012 e o 2013 – aos que habería que sumar os gastos de luz da bomba de achique necesaria para que non se afonda – e a isto habería que engadir tamén os hipotéticos 16.000 € que costaría o seu desguace. Como se pode comprobar todo un repertorio do que non debe de ser nunca a xestión do público, cuns 50.000 € tirados ao mar e os veciños de Viveiro sen a aula-museo tan cacareado por socialistas e nacionalistas.
En definitiva, un cúmulo de despropósitos que so acarrearon o gasto innecesario dun diñeiro do que non anda, precisamente, sobrado o noso concello.
Estas decisións de desguace e liquidación de ambos, parecen a día de hoxe as únicas posibles dado o grado de deterioro de ambas embarcacións, lo que sen dúbida lamentamos dende o PP de Viveiro. A falta de mantemento de ambos buques nestes últimos anos por parte do goberno local, desembocaron na actual situación, a que podería evitarse se houberan xestionado – tempo tiveron desde o 2005 – e posto os medios necesarios en tempo e forma para evitar esta sangría económica innecesaria para os veciños de Viveiro.