Site icon Crónica3.com A Mariña

Os populares denuncian que “Besteiro outorgou en 2011 unha nova axuda con cargo á Deputación de Lugo en beneficio de UXT”

Lugo, 30 de xaneiro de 2014.- As pescudas do Grupo Provincial do Partido Popular, ante a negativa do Presidente da Deputación de Lugo, Jose Ramón Gómez Besteiro, a dar a cara e explicar as axudas concedidas ao sindicato UXT, dan como resultado o achado dunha nova subvención -directa e excepcional- outorgada por Besteiro en 2011, con cargo á Deputación e en beneficio do sindicato socialista.

En concreto, a administración provincial resolvía por Decreto e a través do hoxe desaparecido Instituto Lucense de Desenvolvemento Económico e Social (INLUDES), organismo dependente da Deputación, conceder unha axuda “a MCA-UGT Galicia por importe de 3.000 euros baixo o concepto 3º Comité Nacional”.

Cómpre lembrar que se trataría dunha nova achega á que habería que sumar ás facturas abonadas en 2013 pola Deputación de Lugo, por importe de 7.338,97 euros, e a través das que o líder do PSdeG invitou a comer a 288 sindicalistas de UXT. Tamén naquela ocasión este desembolso económico foi xustificando baixo o pretexto de gastos de organización do Congreso, pero en concreto, serviu para abonar os gastos do festín, circunstancia que, segundo sospeitan e queren aclarar os populares, puido volverse a dar en moitas ocasións máis.

BESTEIRO NON SE EXPLICOU
Os populares esperaban dar por finalizado este asunto coas explicacións que o propio Besteiro comprometeuse a dar, con ocasión da celebración do último pleno provincial o pasado martes, segundo afirmou nas súas declaracións ante os medios de comunicación, pero unha vez máis mentiu, xa que transcorrido o mesmo, foi o portavoz do PSOE quen abordou este asunto, ante o silencio de Besteiro.

Desde o Grupo Popular insisten en que ten que ser o propio Presidente provincial quen dea a cara e explique aqueles aspectos que aínda quedan por aclarar, como é a contía total das axudas concedidas ao sindicato socialista, as razóns polas que este recibiu un trato de favor en relación con outras entidades, e se baixo o concepto “gastos de organización” pode agocharse o abono, con diñeiro de todos os lucenses, de novas facturas de restaurantes.

FALTA DE TRANSPARENCIA E EXPLICACIÓNS
O GPP denuncia a falta de transparencia e explicacións de Besteiro, e xa adiantan que seguirán presentando novas iniciativas de control e realizando unha supervisión exhaustiva das subvencións outorgadas de xeito excepcional e directo así como doutras achegas similares.

Desde o PP queren coñecer se puideron autorizarse con cargo a fondos provinciais novas achegas e, sen poñer en dúbida a súa legalidade, si lembran que as axudas desta natureza esixen unha xustificación do destino concreto ás que se dedican xa que, nos tempos que estamos a vivir, é moi complicado comprender que se estean a financiar cos cartos de todos os lucenses, festines e facturas de xantares multitudinarios

BOLETÍN OFICIAL DA PROVINCIA
Como apoio documental á denuncia pública efectuada, os populares achegan copia do Boletín Oficial da Provincia de Lugo que, con data 28 de febreiro de 2012 publicaba esta nova axuda directa e excepcional concedida un ano antes polo INLUDES e abonada a UXT con cargo aos fondos públicos provinciais.

Exit mobile version