Fai uns meses denunciamos dende o PSdeG-PSOE de Burela o uso dos cargos que fai o equipo de “desgoberno” de Burela para o seu aproveitamento persoal sen importarlles para nada o interese xeral de todos os veciños e veciñas de Burela. Falamos da única obra de certa entidade que o Concelleiro de Obras o Sr. Fernández Valle ten feito nestes case tres anos, por certo grazas á Deputación Provincial: o asfaltado da rúa onde está situado o seu flamante chalet.
Daquela o Sr Fernández Valle, alentado polo alcalde de Burela Sr. Barcia, incluso chegou a insinuar que ían a poñer unha demanda a dous membros desta agrupación por facer tal denuncia, denuncia que non chegou a materializarse. Con esta actitude, demostraban claramente que a crítica que facíamos non lles sentou nada ben e a reacción foi máis propia dun neno de dous anos ó que non lle dan a galleta cando lle apetece. Como dicimos esa demanda nunca chegou a presentarse xa que sabían de sobra que non tiña ningún tipo de percorrido e que lles podería saír ben cara nun xulgado.
Calquera veciño de Burela se pode dar unha volta polo pobo e ver o estado de deixadez que presentan as rúas e as beirarrúas. Non fai falla máis que darse unha volta pola Rúa do Río para ver o seu estado, ou pola Avenida da Mariña outra das rúas que están cheas de fochancas, ou pasar pola Rúa Castelao e observar como temos un cacho de beirarrúa desfeito dende fai máis de oito meses e non se fixo absolutamente nada por arranxalo, pasar polo campo de fútbol da Marosa e ver como dende fai máis de sete meses hai un muro tirado sen arranxar. Poderíamos poñer centos de exemplos da deixadez que se mostra dende o equipo de “desgoberno” na imaxe do pobo, que pon en perigo a condutores e peóns sen que se faga nada por arranxalos. Todo canto se vai arranxando é a raíz das denuncias que nós estamos a facer, este é un goberno que vai a remolque da oposición e dos veciños. Imos ver si esta denuncia lles sirve de empurrón e se poñen mans ás obras e solucionan estes temas que consideramos moi urxentes e importantes pola imaxe do pobo e pola seguridade dos veciños e das veciñas de Burela.