Site icon Crónica3.com A Mariña

Pizza galega con sabor solidario

Galipizza Solidaria13A cadea galega de restauración Galipizza&cia ofrece durante os meses de xaneiro e febreiro unha ‘Galipizza Solidaria’, doando o 50% da súa recadación a Cáritas de Viveiro (Lugo), Ribadeo (Lugo) e Culleredo (A Coruña), localidades onde están ubicados os seus locais.

Galipizza ‘de moca’ e Xoves de Tapeo
A idea desta campaña benéfica empezou cun concurso celebrado o pasado 28 de decembro entre os seguidores da empresa nas redes sociais. Pedíaselles que suxeriran novas galipizzas con ingredientes típicos do Nadal. O premio sería unha galipizza de moca* para a mellor proposta. Durante o Día dos Inocentes recibíronse 28 novas receitas navideñas e, ó comprobar a orixinalidade da maioría das propostas recibidas, Galipizza&cia decidiu premiar a tódolos participantes.

Ademais entre estas receitas seleccionáronse as cinco mellores pizzas: catro delas fixéronse realidade cada semana do mes de xaneiro, durante o tradicional Xoves de Tapeo que ofrecen os seus locais, recibindo cada pizza o nombre propio do seu creador:

• Tomás Lendoiro: Galipizza de bacallau, patacas, coliflor, pementón doce, aceite de oliva e queixo de San Simón (xoves 9 de xaneiro).

• Irene Medín: Galipizza de vieiras e lagostinos con ceboliña confeitada, xamón, viño branco e queixo de San Simón (xoves 16 de xaneiro).

• Antón Vázquez: Galipizza de caponciño de Vilalba, uvas brancas, améndoas e queixo de San Simón (xoves 23 de xaneiro).

• Carolina Mouriño: Galipizza de polo, castañas, cebola confeitada, beicon crocante, pementos e queixo de San Simón (xoves 30 de xaneiro).

A receita gañadora convertiuse na ‘Galipizza Solidaria’, que se inspirou nunha idea de Carolina Leal Sueiras: Galipizza de langostinos enchilados, dátiles, beicon, queixo do Cebreiro e queixo de San Simón. A metade de toda a recadación conseguida coa venta desta pizza será doada a Cáritas das localidades nas que se atopan os locais da cadea: Viveiro (Lugo), Ribadeo (Lugo) e Culleredo (A Coruña).

Que é Galipizza
Galipizza é unha marca de pizza artesanal patentada e rexistrada por Galipizza&cia. As galipizzas créanse sobre unha base de masa artesanal, cúbrense con queixo galego de San Simón no lugar da típica mozarella e combinan ingredientes tipicamente galegos. A familia de galipizzas está formada a día de hoxe por 10 variedades: raxo e grelos, queixo de cabra, ‘Fogar de Breogán’ (mistura queixos de Arzúa, San Simón, Cebreiro e Tetilla), ovos rotos con gambas, ovos rotos con zorza, vexetariana, ‘Camiño Francés’ (con ingredientes típicos das rexións polas que pasa o Camiño de Santiago), lacón con grelos, especial Culleredo (con paté de chourizo e grelos) e San Froilán (polbo á feira).

Galipizza&cia, con locais en Viveiro (Lugo), Ribadeo (Lugo) e Culleredo (A Coruña), ofrece desde hai anos estas orixinais galipizzas. Unha innovadora liña de pizzas que mistura novos sabores e produtos, todos eles de primeira calidade e que inusualmente se utilizan na elaboración da pizza, tratando de fusionar esta coa comida tradicional galega e demostrando que os produtos rexionais son ricos en calquera das variedades que se presenten.

Hoxe a galipizza xa é unha marca rexistrada e a súa boa acollida por parte do público convenceu á empresa para abrir a súa propia franquicia, coa que espera convertirse nunha referencia gastronómica non só en Galicia, senón en toda España. Nos próximos meses a cadea abrirá novos locais no centro da Coruña e en Santiago de Compostela.

Exit mobile version