Site icon Crónica3.com A Mariña

Presentouse no Museo de Lugo un libro sobre o ciclo do pan e as súas construcións na Mariña

libro-panLugo, 30 de xaneiro de 2014. O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, participou este xoves na presentación do libro “O ciclo do pan e as súas construcións na Mariña de Lugo. Eiras, cabozos, muíños e fornos, unha obra do experto en xeografía e en xestión de Patrimonio Cultural, José María Leal Bóveda, que xa ten publicado outros traballos de investigación sobre o patrimonio galego, algúns deles centrados nas estruturas singulares como os hórreos e os muíños. O libro complétase cun poemario e historias de Paco Rivas.

O servizo de publicacións dependente da área de Cultura da Deputación de Lugo foi o encargado de editar este exemplar, obra na que José María Leal estuda en profundidade, e aportando numerosas fotografías e material gráfico, o proceso de elaboración do pan, o alimento básico das sociedades humanas, así como todas aquelas construcións que interveñen nese proceso posibilitando a separación do gran da palla, o almacenamento do cereal, a súa transformación en fariña, así como a súa conservación.

O obxecto de estudo enmárcase na Mariña Lucense e no concello coruñés de Mañón. Todos os datos vertidos no libro que se presenta foron extraídos de estudos e catálogos feitos durante anos tanto por particulares como por institucións públicas, inventarios, traballos de campo e bibliografías onde se estudaron as tipoloxías e características construtivas e de uso dos elementos arquitectónicos protagonistas nesta publicación.

Durante a súa intervención, Mario Outeiro recordou que “aínda que a maioría de eiras, cabozos, muíños e fornos a día de hoxe non funcionan como tal, conforman unha parte importantísima do noso patrimonio arquitectónico e histórico, xa que representan o traballo e a vida nas comunidades rurais”, e destacou “a importancia desta publicación en canto difunde entre a sociedade actual unha forma de vida que hoxe se descoñece”.

Exit mobile version