Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE asegura que os datos do paro demostran que “o que lle preocupa ó PP non é o emprego senón atacar a outras administracións que, sen competencias, si que crean postos de traballo”

A secretaria de emprego do PSdeG-PSOE, Gloria María Prada, lamentou este venres, unha vez publicados oficialmente os datos do paro, que Lugo, cun 2,49%, sexa a provincia galega que máis afiliados perdeu á Seguridade Social durante o pasado ano. Para a socialista “este é o resultado das políticas dos Gobernos do PP. Os datos amosan que, dende que o Partido Popular goberna en Madrid en en Galicia temos máis paro ca nunca. O que lle preocupa ó Partido Popular non é o emprego senón atacar a outras administracións que, malia non ter as competencias, si que están a realizar un esforzo inversor importante para crear postos de traballo na provincia”.

Neste contexto de desigualdade, paro e pobreza, no que a Xunta é a única administración que ten competencias en materia laboral, as políticas de emprego autonómicas caracterízanse por unha diminución do diñeiro presupostado en fomento do emprego, e no uso partidista dos plans para premiar ós Concellos gobernados polos populares. “Cada ano asistimos ó castigo que somete Feijóo ós galegos reducindo as partidas presupostarias para inserción laboral. Nos orzamentos de 2014, Feijóo volveu demostrar que goberna de costas á cidadanía, recortando case 10 millóns de euros as políticas activas de emprego”, subliña.

Ademais, engade Prada, cos obradoiros de emprego, a Xunta puxo de manifesto a exclusión que sofren algúns cidadáns polo feito de residir en municipios gobernados por Alcaldes que non sexan do Partido Popular. Por outra banda, engade, o Goberno galego premia os proxectos intermunicipais, fomentando prácticas partidistas no deseño destas iniciativas. Así, os Concellos gobernados polo PP únense, illando ós municipios socialistas e xerando verdadeiras zonas de sombra onde se imposibilita ós lucenses recibir as políticas laborais da Xunta.

Plan de emprego para a provincia
Logo de que o Presidente da Xunta “se declarase incompetente en emprego”, e tendo en conta que Lugo, rematou o pasado exercicio con 27.615 desempregados, sendo o sector servizos, con 17.041 parados, o máis perxudicado, o Partido Socialista esixirá nos 67 Concellos que a Xunta de Galicia desenvolva un plan de emprego específico na provincia para compensar a discriminación que a administración autonómica perpetrou nos municipios que non están gobernados polo Partido Popular na concesión dos obradoiros de emprego. Deste xeito, nos respectivos Plenos, os Alcaldes e voceiros socialistas instarán a través dunha moción conxunta a crear esta iniciativa para eliminar o uso partidista dos criterios aplicados polo Goberno galego para outorgar estas axudas. Así mesmo, os socialistas tamén pedirán que se elabore un plan específico de emprego xuvenil, que permita frear a sangría demográfica que sofren os Concellos ante a ausencia de oportunidades para crear novos postos de traballo, e demandarán nova medidas destinadas ás persoas maiores de 55 anos por ser este un colectivo de difícil inserción laboral.

Exit mobile version