Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo acollerá durante o mes de febreiro diversas actividades contra a reforma da Lei do aborto

la foto 1Ribadeo, 29 de xaneiro de 2014. A Concellaría de Igualdade e o Observatorio Mariña pola Igualdade organizan durante o vindeiro mes de febreiro unha serie de accións “que cuestionan e poñen en entredito a futura reforma da Lei do aborto”.

En colaboración coas Concellarías de Igualdade do Occidente de Asturias (Castropol, El Franco, Navia, entre outras) e co movemento de mulleres e asociacións desa zona vaise levar a cabo unha cadea humana o vindeiro sábado, 1 de febreiro, ás 12 da mañá na Ponte dos Santos.

Segundo explica Mariluz Álvarez Lastra “esta cadea humana faise coincidir co chamado Tren da liberdade, que chegará a Madrid o mesmo 1 de febreiro para participar nunha mobilización na que as asociacións de mulleres lle esixen ao ministro Gallardón que non toque nin retoque a Lei de reprodución sexual e interrupción voluntaria do embarazo do 2010, que aínda está vixente”. A cadea iniciarase na parte asturiana da ponte e despois irase estendendo cara Ribadeo.

O Observatorio A Mariña pola Igualdade e a Concellaría de Igualdade de Ribadeo tamén organizan un vídeo forum O aborto, unha cuestión de liberdade. Será do 10 ao 12 de febreiro no Teatro a partires das 20 horas. O día 10 proxectarase a película Las normas de la casa de la sidra; o día 11 poderase ver o filme El secreto de Vera Drake; e o día 12 proxectarase 4 meses, 3 semanas y 2 días.

E o 14 de febreiro haberá unha charla-café coa médica Lola Ferreiro, que versará sobre Os dereitos sexuais e reprodutivos a debate. Será ás 20 horas na Casa das Letras.
Desde a Concellaría de Igualdade Álvarez Lastra fai un chamamento “para que participedes nas actividades e vos unades a esta demanda co fin de garantir os dereitos das mulleres para que non volvamos ser cidadás de segunda categoría”.

Exit mobile version