Site icon Crónica3.com A Mariña

Teatro, exposicións, música e obradoiros para os máis pequenos, na programación cultural ribadense para febreiro e marzo

Ribadeo, 31 de xaneiro de 2014. Este domingo empeza a programación cultural organizada polo Concello para os meses de febreiro e marzo, que inclúe teatro profesional e afeccionado, exposicións de artes plásticas, obradoiros para os máis pequenos e música.

A primeira representación teatral será este domingo 2 de febreiro ás 20:30 horas no auditorio municipal Hernán Naval, onde a compañía Talía Teatro ofrecerá a obra O método Grönholm, peza de Jordi Galcerán moi coñecida a nivel internacional e que está dirixida por Xulio Lago. En marzo, co gallo do Día Internacional da Muller, a compañía Abrapalabra Creacións Escénicas representará As do peixe, escrita por Cándido Pazó e dirixida por Cristina Domínguez. Ademais para os alumnos de Secundaria Os Quinquillás representarán a obra O capricho do teatro e para os nenos Pablísimo ofrecerá na biblioteca pública municipal Contos de sobremesa.

Tamén haberá obradoiros para os máis pequenos da casa. Así desenvolverase unha actividade moi coidada arredor do tren que unía Vilaodriz con Ribadeo e para a que é preciso apuntarse, xa que as prazas son limitadas. Estes obradoiros serán os días 22 e 29 de marzo (sábados) de 17 a 19 horas na Casa da Xuventude. As persoas interesadas en asistir deben dirixirse á Omix.

En canto ao teatro afeccionado a obra que ía representar o Grupo de Teatro de Ribadeo a beneficio da asociación contra o cancro aprázase ata novo aviso por indisposición dunha das actrices. Pero mantense para o 15 de marzo a representación da obra Os putativos en Rinlo. Posteriormente o grupo de teatro Baluarte, da localidade asturiana de Puerto de Vega, porá en escena en Ribadeo a obra Un espíritu burlón.

No apartado de artes plásticas a sala de exposicións da OMIC acollerá do 10 ao 28 de febreiro unha mostra de traballos dos Premios de Artesanía da Mariña que organizou a mancomunidade de municipios. Ademais levarase a cabo a iniciativa denominada A través da mirada por parte do alumnado de Plástica do IES de Ribadeo durante o mes de marzo co gallo do Entroido.

As actividades do ciclo Músicas Posíbeis empezarán o día 8 de febreiro, sábado, coa actuación de Andrea Motis e Joan Chamorro Quartet no auditorio municipal Hernán Naval ás 20:30 horas. Ademais, con motivo do Día de Rosalía, o día 23 de febreiro, domingo, no Teatro haberá un concerto do sexteto Tempo Catro, que interpretará cancións recollidas baixo o título Os ollos que falan, que lle poñen música a cantares galegos de Rosalía de Castro. E o 29 de marzo no auditorio Hernán Naval Fran Pérez Narf presentará o seu último traballo musical, titulado Nas tardes escuras.

Exit mobile version