Site icon Crónica3.com A Mariña

Todo o litoral galego manterase en alerta laranxa este xoves por un temporal marítimo

Santiago, 15 de xaneiro de 2014.- A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia informa de que toda a costa galega permanecerá en alerta laranxa durante a xornada deste xoves por un temporal marítimo, con mar combinada e ondas que oscilarán entre os 5 e 6 metros de altura.

Segundo os datos da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), o temporal iniciarase ás 9 horas do xoves 16 de xaneiro, no noroeste e oeste da provincia da Coruña e irase estendendo ao longo da tarde ao suroeste da provincia e Pontevedra e á costa de Lugo.

Dada a alerta laranxa na costa, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos das tres provincias afectadas; ás Deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.

Tamén recórdaselle á poboación a importancia de seguir as medidas de protección como evitar aproximarse a diques ou rompentes co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos. Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.

Exit mobile version