Site icon Crónica3.com A Mariña

Un temporal de vento afecta á zona da Mariña de Lugo

Santiago, 28 de xaneiro de 2014.- A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia alerta dun temporal de vento en terra que afectará neste martes á zona da Mariña de Lugo. Os refachos máximos comezarán a partires desta mesma mañá e está previsto que superen os 100 quilómetros por hora.

Así mesmo, este martes tamén continúa activa a alerta laranxa por temporal costeiro en todo o litoral galego, que xa fora decretada no día de onte. Segundo os datos da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), a costa das provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra estará baixo os efectos dun fenómeno de mar combinada con ondas que poderán acadar os seis metros de altura.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos das tres provincias afectadas; ás Deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.

Dadas as condicións meteorolóxicas adversas, a Xunta fai un chamamento á poboación para que extremen as precaucións e eviten achegarse a diques ou rompentes co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos. Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.

Exit mobile version