Vitoria con autoridade e liderato da Primeira División para o Burela Pescados Rubén que conquistou tres valiosos puntos (1-5) na cancha do Gironella. A vitoria laranxa en terras catalás, coincidindo co debut de Daniela Montoya, e o empate (3-3) do Atlético de Madrid na pista do Ponte Ourense, propician o liderato mariñán.
O conxunto galego realizou un inicio de encontro demoledor con Peque como protagonista co seu hat-trick express, aos 13 minutos de partido o Burela Pescados Rubén xa vencía por un claro 0-3. O Gironella nada ou pouco podía facer ante a superioridade laranxa que ademais anulou as virtudes locais e co 0-3 chegouse ao descanso.
Na continuación, as catalás apertaron os dentes con ánimo de meterse no choque pero as galegas manexaron ben a situación e ata puideron aumentar a súa vantaxe aproveitando os espazos que deixaba o Gironella. A sete para o final, as locais apostaron polo xogo de cinco e aínda que Berta Velasco reduciu diferenzas (1-3) a vitoria non correu perigo. Peque e Maite redondearon a vitoria con dous goles nos minutos finais.
Ficha técnica
Gironella: Noe; Claudia Pons, Miriam Arana, Lidia e Ingrid Vieites -cinco inicial- Celia, Pilar Ribes e Berta Velasco.
Burela: Jozi; Maite, Lidia, Peque y Bea Mateos –cinco inicial- Cristina, Claudia, Silvia, Lara, Daniela.
Goles: 0-1, min. 2, Peque; 0-2, min. 6, Peque; 0-3, min. 13, Peque; 1-3, min. 37, Berta Velasco;
1-4, min. 39, Maite; 1-5, min. 40, Peque.
Pavillón Municipal: 200 espectadores.
Árbitros: Jonathan Bermúdez e José Tomasa do colexio catalán. Amosaron cartón amarelo a Lidia do Burela.