Site icon Crónica3.com A Mariña

A Asociación de Autocaravanistas de Galicia elixiu Foz para celebrar a súa asemblea xeral ordinaria

Foz, 21 de febreiro de 2014. A Asociación de Autocaravanistas de Galicia celebrará a súa asemblea xeral ordinaria este sábado 22 de febreiro na vila focense. O alcalde, Javier Jorge Castiñeira, subliña a importancia deste evento para a hostalaría do concello e valora o que supón este tipo de turismo para Foz.

O rexedor explicou que “este sábado, pola mañá, na sala Bahía teremos a asemblea ordinaria dos autocaravanistas galegos. Desde hai uns anos hai unha moi boa relación entre o Concello e este colectivo, sobre todo despois de habilitar unha zona de servizo no porto”. Castiñeira indicou que “durante esta fin de semana teremos a unhas cen autocaravanas en Foz e, como xa pasou noutras ocasións, está demostrado que é unha fin de semana moi positiva para a hostalaría. Nós cremos no turismo de autocaravanas, penso que son os iates da estrada. Son un colectivo que se move moi ben, fan moita publicidade dos lugares que lles gustan e proba diso é a fidelidade que están a ter con Foz. Encántanos telos aquí unha vez máis”.

O alcalde tivo palabras de agradecemento para o presidente da asociación “por escoller Foz, unha vez máis, para facer a súa asemblea xeral ordinaria e dicirlles que esta é a súa casa. Nós seguimos confiando en todo tipo de turismo e o de autocaravana deixa moitos cartos aló onde está e fai moi boa publicidade das localidades polas que pasa. O máximo agradecemento para eles, tentaremos de cumprir como sempre o fixemos prestándolles todo o apoio que puidesen precisar”. E engadiu que “temos unhas instalacións fabulosas no porto, unha zona de aparcadoiro para eles e unha área de servizo óptima para que poidan estar alí comodamente. E desexámoslle unha boa fin de semana a todos os que veñan esta fin de semana a Foz”.

Exit mobile version