Site icon Crónica3.com A Mariña

A aula CeMIT de Burela iniciará de novo as súas actividades no mes de marzo

Burela, 12 de febreiro de 2014. A mediados de marzo iniciará de novo as súas actividades a Aula CeMIT de Burela, segundo ven de anunciar a concelleira de Educación, Mónica Pedre. O Concello acaba de recibir unha subvención de 15.000 euros para dita aula e en breve procederá á contratación do/a monitor/a que a atenderá ao longo dos vindeiros meses.

A edil popular explicou que “o Concello de Burela recibiu recentemente un escrito por parte da Federación Galega de Municipios e Provincias onde se nos comunica a renovación da subvención da Xunta de Galicia para o funcionamento da Aula CeMIT durante o presente ano 2014. O importe é de 15.000 euros e por parte do Concello estanse facendo xa os trámites para proceder á publicación das bases de contratación do monitor ou monitora que atenderá a Aula CeMIT”.

Pedre lembrou que “como se sabe, a finais de ano a Aula CEMIT de Burela suspendeu a súa actividade porque a pesar de que nos confirmaran a máis que posible renovación da subvención non tiñamos soporte documental ao efecto. Polo tanto optamos por suspender a actividade ata que non se nos comunicase a concesión da subvención. Agora xa temos esa comunicación oficial e polo tanto imos poñer en marcha os mecanismos para a contratación da persoa que vai levar a Aula CeMIT de Burela, que está considerada como aula de referencia pola Xunta de Galicia”.

A concelleira de Educación dixo que “dende o equipo de goberno estamos moi satisfeitos de cómo ven funcionando: permitiu o acceso ás novas tecnoloxías a persoas que o tiñan moi complicado, permitiu unha alfabetización tecnolóxica a sectores de poboación que tiñan moi difícil o acceso ás novas tecnoloxías e tamén se puxeron en marcha actividades e cursos innovadores con respecto ao que é práctica habitual da informática para que aquelas persoas que teñen algúns coñecementos poidan afondar nos mesmos”.

Mónica Pedre engadiu que “a intención do equipo de goberno é retomar a actividade da aula a mediados do vindeiro mes de marzo. No seu momento farase pública a data de inicio da aula e a través dos procedementos habituais daranse a coñecer as actividades e os cursos que se impartirán dende a Aula CeMIT”.

A responsable de Educación indicou que “os dous obxectivos fundamentais da Aula CeMIT para este ano 2014 son ratificar o carácter de aula de referencia que ten para a Xunta de Galicia e ampliar os segmentos de poboación aos que se dirixen as actividades da aula para seguir introducindo nas novas tecnoloxías a aquelas persoas que teñen moi difícil acceso por outras vías e continuar perfeccionando a aquelas persoas que xa están introducidas e que queren seguir avanzando nas mesmas”.

Exit mobile version