Burela, 7 de febreiro de 2014. O temporal que se deixou sentir a principios desta semana na zona obrigou a aprazar a charla sobre a enfermidade de Alzheimer e como detectala, organizada polo Concello de Burela e prevista para o pasado martes.
Finalmente terá lugar o vindeiro xoves, 13 de febreiro, ás 17:30 horas no salón de plenos da Casa do Concello.
A concelleira Diana Durán anunciou que “a Federación de Asociacións Galegas de Familiares de Enfermos de Alzheimer e Outras Demencias (FAGAL), en colaboración coa Concellería de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade, trae a Burela o Programa Red Paraguas Alzheimer, que achega a problemática desta enfermidade ás comarcas rurais”.
A edil de Servizos Sociais e Sanidade explicou que “a charla correrá a cargo de profesionais das asociacións de familiares de enfermos de Alzheimer e é totalmente gratuíta. O obxectivo é chegar á maior cantidade de persoas posible, especialmente aquelas que sofren os efectos dun familiar cunha demencia”.