A Mariña, 18 de febreiro de 2014.- A CIG-Ensino denuncia que centros de ensino da Mariña non están podendo acollerse ao cambio de xornada lectiva porque a Consellaría está denegándollelo. O motivo polo que a Consellaría llelo denega é atribuído a un incremento do custo no servizo de transporte cando en moitos dos casos non supón tal incremento ao non existir variación de horario ou percorrido nin necesitar máis autobuses. Neste caso están moitos centros de Primaria de todo o país. Na Mariña está ocorrendo en centros como Ceip O Cantel de Foz, Ceip Gregorio Sanz de Ribadeo ou o Ceip Fondo-Nois de Foz pero tamén sucederá na práctica totalidade de centros que iniciaron ou inicien o proceso de modificar a xornada lectiva.
No ano 2010, a Consellaría de Educación subscribe un contrato coas empresas que viñan prestando o servizo de transporte escolar. Resulta sorprendente e rechamante que no contrato da Consellaría coa patronal do transporte se fixe unha cláusula que estabelece que, de xeito xeneralizado, se incrementará o custe do contrato nun 20% no caso de que o centro se acolla à xornada continuada. Esta cláusula inxustificada e totalmente abusiva está a supor un obstáculo insalvable para moitos centros para poder mudar de xornada partida a intensiva, pois automaticamente o transporte ampliaría a súa facturación un 20%, aínda que o custe do servizo, na realidade, sexa menor ou idéntico ao producido pola xornada partida.
Esta cláusula leva a que haxa diferentes centros que- como sucede nos casos nomeados- unha vez levado a cabo o proceso establecido e cumprindo os requisitos para mudar a xornada intensiva, se atopen co rexeitamento das Xefaturas territoriais da Consellaría de Educación, debido a que teñen que facer fronte a un gasto dun 20% máis, malia que os itinerarios, as paradas e o número de autobuses son os mesmos que os fixados para a xornada partida.
Como se pode observar, estamos ante un feito gravísimo e abusivo, amais de tramposo e inaceptábel, que só se pode explicar pola submisión da Consellaría aos intereses da patronal do transporte que procura acrecentar máis os seus beneficios sen mellorar nin ampliar o servizo.
A CIG-Ensino exixe á Consellaría de Educación que urxentemente anule este contrato coa patronal do transporte escolar, que está prorrogado, nin máis nin menos, até o 31 de decembro de 2020, por abusivo e fraudulento e tamén porque, na práctica, supón que sexa o transporte o que fixe os horarios e a xornada dos centros educativos, impedindo a aplicación do tipo de xornada decidida polo centro.