Site icon Crónica3.com A Mariña

A Corporación Municipal de Ribadeo dirixe unha carta á Conselleira de Traballo e Benestar amosando a preocupación pola residencia da terceira idade

O Concello de Ribadeo, os seus cidadáns, e todas as forzas políticas que compoñen a Corporación Municipal, dirixen á conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, unha carta amosándolle a súa preocupación pola futura residencia da terceira idade a executar en Ribadeo; xa que hai partidas orzamentarias que se teñen que investir neste 2014 e o Concello está pendente dun requisito esencial que é a correspondente autorización autonómica.

O escrito recolle que “a situación actual é que a día de hoxe están asinados os compromisos de financiamento coa Deputación Provincial de Lugo que ascenden a 1.828.000 euros para catro anualidades, significando que para este exercizo 2014 deberá estar xustificado un importe de investimento de 1.028.000 euros polo que se fai imprescindible a licitación inmediata das obras por este Concello para o que é requisito esencial a autorización autonómica segundo a Lei 13/2008.

Tamén fan constar que “tendo coñecemento as forzas políticas do Concello de Ribadeo da finalización da tramitación técnica para obtención da comentada autorización e sendo conscientes, igualmente, dos cambiso lexislativos, non debemos esquecer que este proxecto ten conlevado e conleva a actuación conxunta de tres administracións públicas, e un importe económico de investimento cercanos aos 2,5 millóns de euros. O retraso inxustificado ou a non autorización deste proxecto, sitúa as forzas políticas deste Concello nunha difícil situación para poder explicar á súa veciñanza a perda económica e, o que é máis importante, a perda dun proxecto conxunto onde se puxeron tantos esforzos e esperanzas colectivas”.

Na carta tamén recoñecen que “temos coñecemento por técnicos desa Consellería que o proxecto básico e de execución se atopa a día de hoxe informado favorablemente, e pendente simplemente de mandarnos a autorización”.

“Por todo o anterior, pregámoslle encarecidamente que dea as instruccións precisas ou remova os obstáculos que poidan existir para que os veciños e veciñas deste Concello poidan ver cumprido este obxectivo nos prazos comprometidos documentalmente”.

O escrito está asinado polo alcalde, Fernando Suárez; pola concelleira de Servizos Sociais, Teresa González; polos voceiros do PP, PSOE e UPRI, Manuel Valín, Eduardo Gutiérrez e Agustín Reimóndez, respectivamente; e polo portavoz dos veciños, José Mª Rodríguez.

Exit mobile version