Gómez Besteiro destacou que a sinatura deste convenio é un paso máis na aposta “sen fisuras” da institución luguesa por apoiar ó sector, “que son piar fundamental da economía desta provincia e deste país”, e amosou a súa preocupación polos negativos efectos que as políticas de recortes están a ter entre estes profesionais. O Presidente subliñou que, se xa os datos rexistrados o pasado ano, durante o que Galicia perdeu case 1.000 traballadores por conta propia amosaban a delicada situación do sector, as reformas postas en marcha polos Gobernos de Rajoy e Feijóo nos últimos meses, complican aínda máis o presente e o futuro dos pequenos negocios e traballadores por conta propia. “Carece de toda lóxica que se penalice con recortes e gravames continuos a quen sostén o país. Non se pode pretender reactivar a economía e recuperar postos de traballo atacando a quen xera riqueza e emprego”, sentenciou.
Durante o encontro, Lisardo Domínguez, Secretario Xeral desta asociación que representa a preto de 30.000 activos, entre traballadores a título individual como agrupacións, agradeceu á Deputación de Lugo o apoio prestado, xa que este é o primeiro organismo provincial de Galicia “en atender ás nosas demandas e colaborar”, e insistiu na necesidade de que as Administracións asuman a importancia do papel que desempeñan os autónomos na recuperación económica. A mesma opinión amosou Pilar Ónega, autónoma e propietaria dun pioneiro negocio ubicado na capital luguesa.
Medidas por imposición
A aprobación por parte do Goberno central dun incremento dun 2% na base mínima de cotización –prexudicando a máis do 80% dos autonómos galegos- e dun 5% na máxima, ou a obrigatoriedade de comunicar á Seguridade Social o importe de todos os conceptos retributivos abonados ós seus traballadores, incluídos ou non na base de cotización, supuxeron un duro golpe para os autónomos galegos, o 80% dos cales pasou de abonar 216,72 a 256,72 euros mensuais.
Outras problemáticas do sector, como a falla de crédito -3.442 millóns de euros menos con respecto ó 2013, segundo datos do Banco de España-; os intereses que deben abonar por créditos bancarios determinados clientes, especialmente empresas –de ata un 10,5%-; ou a obrigatoriedade do pago da prestación de desemprego –malia que nos últimos anos en Galicia só cobraron o desemprego 77 autónomos dos máis de 350 que o solicitaron-; ou a inxente cantidade de trámites necesarios para a apertura dun negocio, son medidas que, segundo destacou Besteiro, “aplícanse como adoitan facer o Goberno central e autonómico: por imposición, sen mediar diálogo, coas que manteñen ós autónomos nunha permanente situación crítica”.
3.391 autónomos menos en Lugo
A situación en Galicia agravouse por outras medidas adoptadas polo Executivo de Núñez Feijóo, como o mantemento do IRPF autónomico máximo no 21,5%, un dos máis altos de España; ou aplicación do céntimo sanitario –o combustible na Comunidade pasou de ser o 6º ó 2º máis caro en España-, agravaron a situación do sector: de marzo de 2009 a xaneiro de 2013, o réxime de autónomos pasou de ter 225.493 a 213.224 afiliados. Na provincia de Lugo as cifras son similares, xa que nestes cinco anos os autónomos pasaron de ser 40.246 a 36.855, sen menoscabo de que, malia estas cifras pouco alentadoras, supoñan o 30% da poboación activa luguesa na actualidade.