Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación de Lugo impulsa o primeiro “Banco de Tempo Empresarial de mulleres” de Galicia

banco-traballo-mulleresA Deputación de Lugo asinou hoxe un convenio coa Asociación de Mulleres Empresarias da provincia, polo que achegará 60.000 euros para a creación do primeiro “Banco de Tempo Empresarial de Mulleres” de Galicia, favorecendo o contacto de xeito directo entre empresarias, emprendedoras e a propia Asociación para crear emprego e favorecer a comercialización. A creación deste punto de encontro virtual permitirá, ademais, a colaboración entre as mulleres do urbano e do rural.

Gómez Besteiro destacou a importancia do papel das Administracións no nacemento deste tipo de iniciativas. O Presidente insistiu na trascendencia deste respaldo no momento actual, no que “as medidas emprendidas polos Gobernos central e autonómico están dificultando o papel das mulleres”, e salientou que a EPA revela que a taxe de inactividade feminina é do 56% na provincia –un 58% no caso de Galicia-.

A fenda laboral e salarial entre homes e mulleres, “esixe que o traballo e o emprendemento feminino conten cunha especial protección e que nas Administracións non nos quedemos de brazos cruzados”. Baste sinalar que as mulleres teñen que traballar 82 días máis ó ano que os homes; acumulan a maioría de contratos temporais e realizan máis do 80% do traballo non remunerado.

Grazas a esta colaboración, a Asociación Provincial de Mulleres Empresarias, cun cento de membros, porá en marcha este “Banco de Tempo Empresarial para mulleres”, unha plataforma online que permitirá a empresarias e emprendedoras establecer contacto coa Asociación e entre elas, de xeito rápido e sinxelo, para crear negocios e postos de traballo. Este pioneiro “Banco de Tempo” contará cun regulamento que axustará á legalidade vixente calquera tipo de actividade que se desenvolva ó seu abeiro.

Mulleres do urbano e do rural
Outra das vantaxes que ofrecerá este Banco de Tempo será a creación de estratexias que favorezan o emprendemento no entorno rural, no que as mulleres atopan dificultades engadidas. Ó respecto, Gómez Besteiro destacou a importancia do traballo feminino no rural, fundamental para a estabilidade e o desenvolvemento destas zonas, especialmente afectadas polo despoboamento, “porque elas son responsables en gran medida da modernización e dignificación do traballo no noso agro pero tamén son as máis afectadas por reformas que limitan a súa capacidade de acción, como a da Lei de Dependencia: o 80% das mulleres que coidan dos nosos dependentes vive precisamente no rural”.

Pola súa banda, Beatriz Varela salientou que, grazas a este convenio, “a Asociación formalizará o labor que vimos facendo dende hai tempo, respondendo ás dúbidas dos emprendedores que non atopan a ninguén que lles axude”. Varela destacou que entidades que antes ofrecían estes servizos de asesoramento, como o INEM ou da Xunta, xa non o fan por mor dos recortes, polo que “estamos enchendo un baleiro”. Esta tarefa de asesoramento será un dos moitos servizos que ofrecerá este Banco de Tempo, xunto con outros como a elaboración de plans de empresa ou a formación en técnicas de marketing dixital.

Numerosas colaboracións
Esta non é a primeira colaboración que a Deputación de Lugo presta á Asociación de Mulleres Empresarias co obxectivo de impulsar o tecido empresarial lugués. A institución provincial apostou polo colectivo dotándoo de ferramentas tecnolóxicas, como unha páxina web cun directorio virtual, co que as empresas da Asociación teñen a oportunidade de dar a coñecer a súa actividade. O organismo provincial dotou á Asociación do material tecnolóxico necesario para poder levar a cabo o seu traballo. Este proxecto contou cun orzamento de preto de 50.000 euros, financiados nun 70% pola Unión Europea.

O apoio do organismo provincial ás empresarias tamén permitiu que alumnos e bolseiros da Escola de Imaxe e Son (EIS), baixo a supervisión de técnicos da TIC, elaboraran 50 vídeos promocionais das empresas de dito colectivo, co que tamén se colabora con iniciativas que celebra a Asociación, como o Lughnasad, unha feira multisectorial que acolleu a Praza de San Marcos.

Exit mobile version