Site icon Crónica3.com A Mariña

A forza do mar deixou ducias de incidencias no litoral de Ribadeo

020214 Foto temporal EsteiroRibadeo, 3 de febreiro de 2014. Todo o litoral en Ribadeo resultou afectado pola forza do mar desta fin de semana. Segundo explicou o alcalde, Fernando Suárez, as incidencias máis importantes rexistráronse en Rinlo.

O rexedor dixo que “desafortunadamente Ribadeo tampouco se puido librar da forza do mar, da forza das mareas e partes do noso litoral ben de competencia municipal, de Costas do Estado ou de Portos de Galicia, resultaron afectadas. As tres administracións teremos traballo nos vindeiros tempos para tentar volver á normalidade todo o danado, dado que desde a praia dos Bloques ata As Catedrais temos problemas en toda a costa”.

Suárez Barcia destacou “os danos do paseo e do porto de Rinlo, alí o mar cebouse con partes do paseo marítimo con moitas baldosas levantadas, un pontigo roto e moitas varandas dobradas. Tamén no porto de Porcillán houbo desperfectos e incluso algunhas embarcacións estiveron a punto de irse a pique. Hai un camiño municipal que une a praia dos Castros co núcleo de Esteiro, diante da praia de Porto, a metade dese vieiro foi practicamente comido polo mar, tamén hai incidencias na praia de Esteiro”. O alcalde de Ribadeo engadiu que “a morfoloxía e a natureza está a ser cambiada, dado que na praia das Illas unha das columnas que existía desapareceu pola forza do mar. Contra a natureza non se pode facer nada e moitas veces é un aviso do que significa construír ao pé da costa, porque o mar sempre acaba reclamando o que é seu”.

Suspensión de clases na EMMeD e nas instalacións deportivas
O Concello suspende mañá, 4 de febreiro, as clases na Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo e tamén nas instalacións deportivas municipais, debido ao forte temporal previsto para esa xornada e ás directrices efectuadas desde a Xunta, que suspendeu as clases nos centros de ensino de toda a comarca da Mariña.

Exit mobile version