Site icon Crónica3.com A Mariña

“A suba do canon de SOGAMA é unha medida recadatoria imposta, que prexudica gravemente ós cidadáns e ataca á autonomía local”

raposoO Deputado José Luis Raposo presentou este luns a proposta que o grupo provincial socialista levará ó Pleno de mañá, 25 de febreiro, coa que manifestan o seu “rexeitamento á suba do canon de SOGAMA por ter carácter recadatorio e por ser unha imposición unilateral que atenta contra a autonomía local”, ó tempo que esixen a Núñez Feijóo “que inicie un diálogo cos representantes dos Concellos galegos que permita obter unha solución consensuada sobre o prezo do tratamento de residuos, así como “a inmediata retirada da suba do canon de SOGAMA e explorar outras vías propostas no Plan Económico-Financeiro, que abaraten a xestión e tratamento dos residuos”.

Raposo destacou que a decisión de aumentar a taxa abonada polos Concellos nun 34%, e que entrará en vigor o 1 de marzo deste ano, responde “a unha única intención: recadar máis cartos”, logo de que a retirada da prima ás enerxías renovables e a suba do gas supuxeran unha redución de 4,4% e 6,3%, respectivamente, nos ingresos de SOGAMA. Segundo subliñou o Deputado, esta “é unha empresa pública cuns beneficios de 10 millóns de euros -6,6 millóns libres de impostos- que pretenden manter”. Raposo insistiu nas contradicións constantes do Partido Popular, que defende a liberalización do público, pero non dubida en “castigar” ós cidadáns para recapitalizar SOGAMA.

Contra a autonomía local
José Luis Raposo denunciou o feito de que este aumento no canon se adoptara “por decretazo, como adoita facer o Goberno autonómico dende que Feijóo chegou á Xunta de Galicia”, xa que a suba introducíuse na Diposición Adicional 21ª dos Presupostos da Xunta para 2014, a pesares de que, tal e como lembrou Raposo, “a maioría dos Concellos tiveran asinado un contrato con SOGAMA ata o 2018, no que se falaba de revisións en función do IPC anual”. De feito, este contrato é privado “posto que nel só interveñen SOGAMA e cada un dos Concellos, así que esta suba, que presenta moitas dúbidas dende o punto de vista xurídico, borra totalmente ós Concellos no momento en que un terceiro interven no prezo para incrementalo de xeito unilateral”.

Solucións alternativas
Raposo subliñou que a Xunta “minte cando di que esta é a única solución para asegurar a rendabilidade do sistema de tratamento de residuos”, posto que a auditoría encargada ofreceu outras recomendacións que se reflicten no Plan Económico-Financeiro de SOGAMA, e que pasan por medidas como a separación de residuos en orixe; a revisión dos contratos cos proveedores; do transporte dos residuos ou dos gastos de persoal. Con respecto a estas alternativas, o Deputado insistiu en que “si o que pretenden é buscar rendabilidade poderían empezar por pensar se realmente é necesario contar con dúas figuras como as do Presidente e do Director Xeral que cobran 72.000 e 63.000 euros, respectivamente”. Nembargantes, a solución adoptada foi “a que máis prexudica ó cidadán. Non é xusto que moitas familias que contan cuns ingresos de 400 euros ou algunhas mesmo nin eso, teñan que enfrontarse a unha suba na basura dun 34%”, sentenciou.

Raposo lembrou, ademais, que o sistema de xestión de residuos empregado por SOGAMA na actualidade está moi alonxado das políticas europeas, que apostan pola reciclaxe, destino de só un 8% dos residuos tratados por SOGAMA –fronte a unha media do 24% que se está a reciclar na Unión Europea-. Así mesmo, no 2020 a Unión Europea prohibirá definitivamente os sistemas de incineración e vertedoiro, “co que aparece unha nova dúbida ante o futuro de SOGAMA. Terán que pensar nun proxecto viable e, entón, que farán? Volverán a subir as taxas ós Concellos por decretazo?”, sentenciou.

Exit mobile version