A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, informou este xoves no Consello da Xunta da proposta da Mesa de Contratación para a adxudicación da subministración enerxética prestacional e o servizo de mantemento de instalacións e equipos enerxéticos térmicos e locais asociados.
Trátase de promover medidas de aforro mediante a eficiencia enerxética nos hospitais de Barbanza, Verín, Calde, Burela e Monforte de Lemos. Deste xeito, o aforro económico estimado para os próximos 10 anos de duración do contrato é de máis de 3,2 millóns de euros.
Así, intégrase nun único contrato a xestión da subministración enerxética e o servizo de mantemento de forma que se poidan afrontar as actuacións de mellora e renovación das instalacións que sexan necesarias para poder usar a biomasa como fonte primaria de enerxía térmica.
A empresa proposta como adxudicataria presentou unha oferta por un importe de 6.131.139,60 euros cun prazo de execución de dez anos. Ademais, deberá garantir actuación de mellora nas instalacións de xeración térmica e responsabilizarse do seu mantemento.
Uso de combustibles renovables
Grazas a esta medida, pásase dun modelo tradicional de subministración de combustible fósil, derivado do petróleo, a un modelo prestacional con requerimentos de enerxía térmica xa transformada, usando combustible renovables como é a biomasa.
Doutra banda, debido á mellora da eficiencia enerxética e ao emprego da biomasa para uso térmico, conseguirase evitar emisións de gases efecto invernadoiro (CO2) de máis de 3.000 toneladas anuais, representando unha diminución case total con respecto á situación actual.
O consumo de biomasa para fins térmicos nos cinco hospitais estímase en 2.100 toneladas anuais, que potencialmente levará asociado a xeración duns 20 postos de traballo, directos e indirectos, e a limpeza de máis de 1.200 hectáreas de monte.