Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta de Persoal da Area Sanitaria Norte de Lugo adhírese á manifestación convocada por Alianza Social Galega

Reunida este mércores a Xunta de Persoal da Area Sanitaria Norte de Lugo decídese por unanimidade de tódolos seus membros, a Adhesión á MANIFESTACIÓN convocada pola Alianza Social Galega para denunciar os recortes e privatizacións impostos polo Partido Popular quesó conseguen aumentar aínda máis o paro, a emigración, os desafiuzamentos, o empobrecemento e a exclusión social de máis galegos e galegas..

O Goberno de Mariano Rajoy e de Feijóo pretenden impoñer cada día reformas normativas que nos fan retroceder varias décadas nas liberdades públicas e dereitos sociais, criminalizando a resposta social fronte á crise e os constantes recortes nas pensións, no ensino, na sanidade….

AGRESIÓNS Á SANIDADE PÚBLICA
O principal perigo que corre a sanidade pública galega é a súa total PRIVATIZACIÓN. Ese camiño emprendido polo PP na Xunta de Galicia e mais polo Goberno central vaise materializando nas medidas adoptadas, como o repagamento dos medicamentos prescritos polo persoal facultativo e a privatización á calada de servizos como mantemento, esterilización e os almacéns.

A introdución de copagamentos converte o sistema público de saúde nun instrumento de discriminación, que dificulta o acceso da poboación e pon en risco a saúde das persoas máis enfermas e con menos recursos. O incremento de camas pechadas (principalmente no verán pero cada vez durante máis tempo) ou a non utilización en toda a súa capacidade de quirófanos, radioloxía ou consultas, paralizan a actividade co consecuente incremento das listaxes de espera.

A deterioración da sanidade pública tamén se vai facendo cada vez máis evidente por culpa da falta de persoal, ao se aplicar unha taxa de AMORTIZACIÓN do 90 % de efectivos que, advirten, axiña fará imposible prestar unha atención sanitaria de calidade. Actúase deste xeito para favorecer a sanidade privada, de aí o incremento de concertos para derivar doentes que non poidan recibir atención no sistema público por falta de persoal. Así, uns poucos fan negocio a cargo dos fondos públicos, cando está máis que demostrado que os servizos xestionados directamente polo SERGAS son máis eficientes e eficaces.

Xunto a isto, asistimos ao decreto de xestión clínica, que introduce unha maior flexibilidade e desregulación das condicións laborais e abre as portas ás privatizacións, e pretenden que sexan os profesionais os que executen os recortes mediante os orzamentos pechados.

SUPRESIÓN DO DEREITO Á ASISTENCIA SANITARIA PÚBLICA Á MOCIDADE
A aplicación do Real decreto lei 16/2012 deixa sen dereito á asistencia sanitaria pública os mozos e mozas maiores de 26 anos que non cotizasen á seguridade social por estaren en paro crónico. Tamén se pretende que perda este dereito quen emigre ao estranxeiro en busca de traballo máis de tres meses, que é fundamentalmente a xuventude que soporta un paro de máis do 56 %.

Exit mobile version