A Xunta considera que a reversión deste centro ao Concello é un exemplo de racionalización de recursos e de cooperación entre Administracións, xa que se logra aproveitar e maximizar o uso de espazos ao servizo do cidadán.
O Centro Comarcal da Mariña Central comezou a funcionar en 2007 con sede na antiga casa-cuartel da Garda Civil que fora cedida polo propio Concello. Trala extinción da Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia (Sodeco) encargada do mesmo, a xestión pasa a mans municipais.
O proceso de reversión enmárcase dentro da aposta do Goberno galego pola racionalización da Administración co obxectivo fundamental de evitar duplicidades e gañar en eficiencia sen menoscabar os servizos ofertados aos cidadáns.
Cómpre salientar que a Xunta foi pioneira a nivel estatal na súa aposta pola racionalización da Administración, coa posta en marcha da Lei de racionalización da Administración Autonómica e o Plan de racionalización da administración paralela. Este plan -que está na súa terceira fase de desenvolvemento- supuxo xa o aforro de máis de 40 millóns de euros e a eliminación de case 60 entes.
Precisamente, entre os entes extinguidos atópanse as fundacións comarcais, cuxa reformulación ten permitido eliminar duplicidades e gañar en eficiencia, sen menoscabar en ningún caso os servizos que reciben os cidadáns por parte das Administracións.
Axudas Fondo Compensación Ambiental
Doutra banda, Rueda aproveitou a súa visita a Mondoñedo para interesarse polas actuacións realizadas neste concello lugués con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental. O FCA permitiu por vez primeira aos concellos beneficiarse das explotacións eólicas a través do canon eólico. No caso concreto de Mondoñedo recibiu máis de 80.000 euros no ano 2013, que se suman aos que xa veu recibindo en anos anteriores.
Grazas a este investimento, o Concello puido levar a cabo unha actuación de aforro enerxético no casco urbano da vila e reducir o gasto eléctrico e o impacto ambiental, ao tempo que produce un importante aforro para as arcas municipais e os mindonienses.
Ademais de axudar aos concellos a facer este tipo de actuacións en época de dificultades económicas, o FCA tamén redunda na conservación e mellora do medio ambiente e favorece o reequilibrio territorial, posto que o groso das axudas benefician a concellos pequenos do interior de Galicia.