Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta executará este ano a mellora do tramo da estrada LU-124 que une Mondoñedo coa A-8

Santiago, 2 de febreiro de 2014.- O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, avanzou este sábado que a Xunta acometerá o acondicionamento e mellor do firme da estrada LU-124, no tramo que une Mondoñedo coa A-8 en Lindín.

Así o avanzou esta mañá na presentación a empresarios e representantes do sector do transporte público de viaxeiros do novo Sistema de Axuda á Explotación da Mobilidade, onde adiantou que a Axencia Galega de Infraestruturas na actualidade está a elaborar o documento técnico necesario previo á contratación das obras.

Aclarou que unha vez que o Ministerio de Fomento solvente os danos producidos no firme da estrada LU-124: Mondoñedo-Vilameá, por mor da execución das obras da autovía A-8 e se resolvan os problemas de canalizacións das augas pluviais, a Consellería poderá executar esta mellora e acondicionamento, polo que a actuación estará materializada neste mesmo ano.

Recordou que o aspecto que presenta este tramo da estrada é consecuencia directa da intensidade de circulación de vehículos pesados que traballaron na construción da autovía A-8, en concreto entre os puntos quilométricos 5+000 ao 8+000. Por outra banda, as obras da autovía modificaron a escorrentía da zona, o que fai necesario que se resolvan problemas de condución de pluviais nesta estrada autonómica.

Os traballos que se executarán consistirán na acondicionamento e mellora de trazado desde a saída de Mondoñedo (PK 1+300, aproximadamente) ata o enlace coa A-8, é dicir, en case 7 quilómetros. A sección transversal tipo prevista neste proxecto de dous carrís de 3,0 m e beiravías de 0,5 m, aumentando a plataforma de 5 metros a 7, agás na zona de travesía (70 metros) na que a sección transversal constará de 2 carrís de 3 metros, beirarrúas a ámbolos dous lados de 2 metros e zona de aparcamento na marxe esquerda de 2,5 metros.

Por outra banda, a Consellería ten previsto na súa planificación a realización dunha mellora integral da estrada LU-124, Mondoñedo- Vilameá, que se executará en función das dispoñibilidades orzamentarias do departamento autonómico con competencias en materia de estradas.

Intensidade media diaria

A estrada LU-124 (Mondoñedo (N-634) – Vilameá (N-640)) pertence á rede secundaria da Rede Autonómica de Estradas de Galicia (RAEGA) e ten unha lonxitude total de 29,62 Kms. Os tráficos desta estrada, por cada treito analizado, son:

Clave Rede Denominación do treito PK inicio PK fin Lonxitude treito IMD12
LU-124 S Mondoñedo – Lindín (LU-125) 0,000 10,060 10,060 81
LU-124 S Lindín (LU-125) – Cruz da Cancela (LU-122) 10,060 15,290 5,230 85
LU-124 S Cruz da Cancela (LU-122) – Vilameá (N-640) 15,290 29,620 14,330 217

Tendo en conta que a IMD media na rede de estradas autonómicas é de 3.011 vehículos/día, pódese concluír que o tráfico da LU-124 é moi reducido e significativamente inferior á media rexistrada na RAEGA.

Exit mobile version