Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta impulsa o importante papel das asociacións de comerciantes luguesas na dinamización do sector

Lugo, 21 de febreiro de 2014.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, e a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, mantiveron este venres un encontro de traballo con representantes de centros comerciais abertos e asociacións das prazas de abastos para presentarlles a nova convocatoria de apoios da Consellería de Economía e Industria específica para estas entidades, coas que se impulsa a “importante labor que desenvolven na dinamización do comercio de proximidade”, tal e como indicaron as representantes da Xunta.

O programa, que está dotado con 2,2 millóns de euros, permitirá atraer nova clientela e mellorar os servizos que se ofrecen a través da posta en marcha de campañas de dinamización, sistemas de fidelización de clientes ou proxectos de sinalización comercial externa.

Tal e como se salientou no encontro, no que participou tamén o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, tamén se concederán axudas para o funcionamento das unidades xerenciais e, no caso das asociacións das prazas de abastos, melloras en instalacións e equipamentos.

O programa, a través do cal se destinaron o ano pasado máis de 170.000 euros aos centros comerciais abertos e asociacións das prazas da provincia, está aberto á presentación de solicitudes ata o vindeiro luns. Os apoios poden chegar no caso dos centros comerciais abertos ata os 40.000 euros e alcanzar o 80% do investimento subvencionable, en función da poboación dos concellos nos que están situados e do número de establecementos asociados. No caso das asociacións das prazas de abastos, a porcentaxe de axuda é do 70%, podendo alcanzar a subvención un máximo de 9.800 euros.

O programa para os centros comerciais abertos e as asociacións das prazas de abastos enmárcase dentro da aposta polo impulso ao asociacionismo comercial que desenvolve a Consellería de Economía e Industria, dentro do cal se levan destinado nos últimos cinco anos preto de 3,5 millóns de euros ás asociacións de comerciantes da provincia de Lugo a través de diferentes convocatorias.

Ademais do respaldo ao asociacionismo comercial, tal e como subliñaron Sol Vázquez e Raquel Arias, na estratexia específica da Xunta para impulsar o comercio de proximidade como creador de riqueza e emprego e un importante dinamizador das vilas e cidades galegas e mellorar a súa competitividade incídese en eixos como, a innovación, o relevo xeracional ou a potenciación das prazas de abastos, así como o emprendemento.

Neste ámbito, a Consellería de Economía e Industria vén de poñer en marcha unha nova convocatoria de axudas destinada a apoiar a apertura de novos establecementos comerciais, impulsando o emprendemento e a creación de emprego no comercio de proximidade.

O programa, que prima os proxectos a desenvolver na provincia de Lugo ao abeiro do plan Impulsa, conta cunha dotación inicial de 500.000 euros, e apoiará cun máximo de 10.000 euros o 50% dos custos do acondicionamento dos novos locais comerciais, a mellora da imaxe exterior dos mesmos, e o impulso das novas tecnoloxías da información e da comunicación, facilitando deste xeito aos comercios unha mellor atención ao público co fin de incrementar as súas vendas.

Con este novo programa, cuxo prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o vindeiro 30 de xuño, incídese no impulso ao emprendemento no tecido comercial, complementando as iniciativas fomentadas na nova Lei do Emprendemento e da Competitividade de Galicia, entre as que que destacan a simplificación administrativa grazas á eliminación con carácter xeral das licencias municipais de obra e actividade.

Exit mobile version